08 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non miremos a igualdade coma a necesidade de cumprimento dunha lei que busca a equidade e equiparación, porque é moitísimo máis ca iso.

Igualdade é partir todos, ¡todos!, de cero. Que poidamos e sexamos quen de liberarnos das inxustizas que nos abaixan o lombo desde tempos inmemoriais. A igualdade é a ausencia da discriminación á vista ou agochada.

Igualdade é que haxa azafatos e presidentas. Igualdade é ter secretarios e directoras. Sen sorprenderse. De xeito natural.

Igualdade é que teñamos gandeiras e costureiros, que non xastres ou modistos. Igualdade tamén é que existan as taxistas e os cociñeiros, que non chefs. Cociñeiros aos fogóns dos hospitais, dos centros educativos, das residencias da terceira idade, onde tamén haxa coidadores e auxiliares... E tamén cociñeiros na casa.

Igualdade é compartir a fregona, o ferro de pasar a roupa, a cita do pediatra, as horas do parque, o coidado dos pais cando xa son anciáns.

Igualdade é que eles cobren tan pouco coma nós, e nós tanto coma eles.

Igualdade é erradicar calquera violencia de xénero e toda a discriminación.

Igualdade é que non me axudes, porque a igualdade é facelo a medias.

Igualdade é que o meu pensamento poida voar tan libre coma o del. E que os seus sentimentos sexan tan importantes coma os meus. Igualdade é que as oportunidades non se vistan de ningún xénero.

A igualdade é algo que non temos, polo que loitamos, arreo. Porque ter igualdade será ter xustiza. A igualdade é un dereito humano.