Natureza e cultura

OPINIÓN

02 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribiu Sigmund Freud que «a función capital da cultura -a súa verdadeira razón de ser- é defendernos contra a natureza». Mais, despois de ver cómo nos comportamos con esta, eu coido que Freud non tiña toda a razón. Quizais por iso, vinte e cinco séculos antes xa o sabio chinés Confucio pedira que se transmitise a cultura a todo o mundo, sen distinción de razas nin de categorías e coa esencia do ensino centrada na boa conduta na vida e no bo goberno do Estado, con amor ao pobo, renovación moral e procura dos medios necesarios (tamén naturais, xaora) para a vida cotiá.

A cultura, é sabido, ten unhas funcións sociais, psicolóxicas e adaptativas que se revelan coma o universo mental, moral e simbólico común a unha pluralidade de persoas. Grazas a isto comunícanse entre si, recoñecéndose mutuamente uns vencellos e uns intereses comúns, e tamén unhas diverxencias e unhas oposicións que, non obstante, lles fan equipararse, individual e colectivamente, como membros dunha mesma identidade, que recibe o nome de grupo, asociación, colectividade ou sociedade.

Pero ás veces esta cultura compartida semella esmigallarse e converterse en materia de confrontación. Algo que quizais ocorre entre nós por causa dunha desatinada e radical politización da propia cultura. Dicía John Steinbeck que «polo grosor do po nos libros dunha biblioteca pública pode medirse a cultura dun pobo». Algo que quizais retrataría a nosa situación actual, chea de tuiteiros máis ou menos ocorrentes que, ao parecer, xa non len libros. Polo tanto, xa non teñen esas armas imprescindibles para defendérmonos contra o espírito salvaxe da natureza. Algo nefasto, porque a natureza é o noso espazo vital. Miremos arredor desde calquera lugar da nosa Galicia. Non hai maneira de non sentir e comprender o misterio que nos rodea e nos forma.

Albert Einstein pediu que ollásemos fondamente a natureza para poder entendelo todo mellor. O pintor Monet asegurou que a fonte da súa inspiración era a natureza. Ralph W. Emerson afirmou que a creación de mil bosques está nunha belota. E Henry D. Thoreau dixo que a salvación do mundo está nos nosos bosques. Por iso deberiamos coidalos e protexelos sempre!