Pesca

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

20 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Gusto da pesca deportiva con cana dende ben cativo. Foi unha afección que me inculcou meu pai, quen dende a súa chegada á Coruña practicaba con frecuencia. Tan pronto tiña tempo libre collía o seu cesto de vimbio trenzado cheo de aparellos e a súa cana de pescar, de flexibles e resistentes canaveiras, autoconstruída, equipada co seu carrete de agulla Segarra, e alá marchaba co seu saber e unha boa dose de paciencia. El aprendeu grazas ao contacto con outros pescadores coruñeses estreitamente vencellados ao mar, xa que el era home de interior. Chegou a ter con outros, e durante moitos anos, unha lanchiña no Portiño coa que saían ao mar cando o tempo llelo permitía. Eu tiña unha boa relación co meu pai e gustábame compartir momentos de pesca con el. Lembro días enteiros fronte ao mar, gozando, nos que ás veces había capotes (non colliamos nada), e outras eran xornadas de gloriosas pescas. A min non me chistaba nada ir en lancha, polo que sempre iamos ou ás pedras ou á praia, sendo o ámbito de acción dende a zona de San Roque, que tanto lle gustaba a el, ata a praia de Baldaio en Carballo, onde dende as pontes que atravesan a ría podíase ver como fervía o peixe que entraba ou saía das marismas, dependendo das mareas. Lembro tamén ir á ría do Burgo, preto da ponte vella, a apañar un cebo chamado senrada que se collía no lodo, daquela moi abondoso e un manxar para os peixes da nosa costa. Tamén os seráns de verán pescando centos de panchos dun tamaño considerable nas postas da Xibona e Paredes, ao pé do monte de San Pedro. Hoxe aínda sigo indo fronte ao mar coa miña cana moderna, reláxome máis do que pesco e sempre me veñen á memoria aqueles emotivos recordos da miña infancia.