O pulo da primavera

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

11 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Déixenme que hoxe poña nesta marea unha pinta de alegría. Ben sei que hai razóns abondo para velas cousas polo lado escuro, a botella medio baleira, pero a vida continúa: a vida é un proxecto que se constrúe decote, ás veces mesmo contra a lei da gravidade, con vontade e con afouteza (palabra de alento contaxioso), e o pasado 2 de febreiro entrou a Candeloria, xa se ven as ribeiras ateigadas de rechouchíos, a paxarada toda a namorar, o pulo da primavera... Certo que na razón dos calendarios a estación nova entra o 21 de marzo, aínda temos un bo anaco de inverno, pero ¿non se decataron vostedes, lectores amigos, desta luz nova que abre o mundo, os días a medrar, a música das mañás que chama pola vida?

 

É o pulo da primavera, que ten que ver coa Candeloria, o día no que casan os paxaros, festa pagana na que os antigos chamaban pola luz e escorrentaban os meigallos, e que serve de pórtico ao señor entroido. Cando os peliqueiros de Laza, as pantallas de Xinzo, os cigarróns de Verín, os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño de Conso, os troteiros de Bande, os charrúas de Allariz, os murrieiros da terra de Caldelas, etc, saltan aos camiños a enfariñar a xente, vareándoa cos seus mallos e as súas vinchas, están a escorrentar meigallos, diaños, andrómenas e eivas cativas, ¡están a limpar o mundo!, como aquel ministro do Interior de México que periódicamente se sometía á «limpeza» dunha meiga, para que o librase das envexas dos inimigos, e logo convocaba unha rolda de prensa para informar do asunto.

Entra a primavera e entra a vida, que xa está a petar na porta, no ciclo anual do enterno retorno, a roda enorme que ordena os tempos e os estados da natureza: os primeiros gromos, a herba lograda nos campos, a brincadela dos años na véspera da Pascua (tamén chamados roxelos, cordeiros, pericos), a fartura do porco no salgadoiro… Don Ramón Otero Pedrayo gustaba de escribir destas cousas. En xeral, os autores todos de Ourense (a xeración Nós e os seus continuadores), pegados ás raiceiras da memoria, gustaban das tradicións da vella cultura agraria. O entroido antropolóxico é o entroido dos vellos ritos: memoria ancestral doutra relixión, en gran medida precursora das cousas todas que agora existen.

O entroido da Galicia atlántica é máis teatreiro: os xenerais do Ulla, por exemplo, as madamas de Cormes… Os que nacemos na cidade temos outra idea destas músicas, non peor senón distinta. O entroido, que o franquismo deu en chamar Festas da Primavera, porque non podía con el, exprésase na cultura urbana coas cerimonias da burguesía de salón, palco e carné de baile, de importación francesa. Curiosamente, a primeira novela do Rexurdimento, escrita en lingua galega a finais do século XIX: Maxina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares, escomenza neste universo urbano, nun baile de máscaras en Santiago.