Érguete

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

10 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembran aquelas nais coraxe que fundaron a asociación Érguete? Imposible esquecelas. Van aló máis de trinta anos cando unhas nais se negaban a perder os seus fillos a mans da droga, aínda que moitas viron como ían caendo, un a un, no inferno do que moitos non lograron saír. Arrastraron a moitos máis. Empeñáronse en berrar alto e claro que había que poñer freo ao narcotráfico. Fixérono conscientes do problema que vivían e das incomodidades que ían causar. Xuntas, unidas, poderían con todo.

Encargáronse de pregoar que non estaban suxeitas a partido político ningún, que todos eran precisos. Sinalaron os locais que colaboraban na venda de drogas, puxeron a súa vida en perigo, vaia se o fixeron!

Pero para unha nai a vida dun fillo é máis valiosa ca a propia. Eran os tempos de Sito Miñanco e Laureano Oubiña. Deste último reconverteron propiedades en lugares de reinserción.

Tamén dicían que Sito Miñanco estaba moi arrepentido. Por iso lle concederon a semi-liberdade. Lonxe de Galicia, iso si. Porque só a súa presenza facía moito dano. Pois acaban de detelo de novo nunha operación antidroga. A el, á filla, a un familiar de Laureano Oubiña... Os mesmos de hai trinta anos, de vinte, de dez e... de hoxe.

Por riba, de primeiro, el, o teoricamente arrepentido. Saben o dano que fai velo de novo traficando? En Galicia e no mundo enteiro. Non merecía a liberdade.

Se eu fose unha desas nais coraxe... Unha xeración truncada pola avaricia destes desalmados e todo segue igual.

Así non nos erguemos.