Na súa columna O país das marabillas, Xosé Carlos Caneiro escribía un artigo relacionado co Entroido e coa creación dun cartel disuasorio que, segundo el, tivo a nacenza na súa vila hai corenta anos, e que rezaba algo así como «Verín cheo, continúe a Xinzo ou Laza». Evidentemente, as noticias que temos en Xinzo sobre o asunto non son coincidentes e teimamos en que esa mensaxe hai que facela á inversa: «Xinzo completo, siga para Verín». Eu mesmo podería poñerlles nomes aos veciños que inventaron a ocorrencia e foron colocar o cartel á entrada da autovía. De calquera xeito, sen lle tirar a súa razón a Caneiro e deixando a un lado esa rivalidade certa que existe entre as nosas vilas e que vén de vello, o fondo da mensaxe incide nun tema importante como é o da masificación, algo que desvirtúa a orixinalidade do Entroido e non deixa espazo para que peliqueiros, cigarróns ou pantallas poidan correr libremente polas rúas.
A orixe deste problema poida que estea na publicidade dos medios de comunicación e tamén na nosa teima local de lle amosarmos ao mundo as excelencias dos nosos Entroidos. Cando eu era neno, lembro que xa se dicía que o Entroido de Verín saía máis na tele porque había un cámara da Televisión Española que era oriúndo do Val de Monterrei. Non sei se este dato é certo ou só a escusa dalgún limiao ofendido pola ausencia do seu Entroido na televisión. Pero o tema da masificación está todos os anos enriba da mesa e non ten unha solución doada, porque o Entroido lévase mal cos límites e as prohibicións. Por iso, ás veces convén que busquemos saídas alternativas como a deses carteis. Eu, como limiao, téñoo claro. Cando alguén me pregunta cal é o mellor Entroido de Galicia, sempre lles digo que o de Verín.