María Victoria Moreno, «autófona»


Estamos xa no ano literario de María Victoria Moreno Márquez (1939-2005) e cómpre sementar información e inquedanzas antes do 17 de maio. Sabido é que a ilustre escritora non foi galega de nación nin de formación idiomática, pero que chegou a Galicia (a Pontevedra), onde preparou a fondo as oposicións de profesora agregada de Lingua e Literatura españolas, que gañou brillantemente en 1965, tanto que escolleu a praza do Instituto Masculino de Lugo (hoxe Lucus Augusti). Foi en Lugo onde se iniciou o seu compromiso coa lingua galega: falala, escribila, gabala, reivindicala, ensinala… Cando publica Mar adiante, en 1973, que eu prologuei, aínda era unha escritora alófona en galego?

Poeta alófono no noso idioma foi García Lorca (1935), que escribía a nosa lingua desde fóra, moi desde fóra, axudado case sempre por Guerra da Cal, quen, nunha carta de 1949, chega a dicir: «Él me decía un verso en castellano y yo lo traducía libremente al gallego, buscando, como es natural, las palabras que a él más pudieran impresionarlo por color, sonido y evocación mágica. Si no le gustaba alguna, yo le daba otra opción, y él, augustamente, elegía la que le salía de los cojones líricos». Menos alófono foi o poeta catalán Carles Riba, que antes, en 1911, escribiu dous poemarios en galego para agasallar a unha mociña da que estaba namorado, Pepita Vila, filla de galegos de Barcelona. Pero Riba, estudante universitario de Filoloxía e rigoroso no seu achegamento aos textos galegos, é máis auténtico que Lorca. Máis auténtica que Carles Riba é a estadounidense Anne Marie Morris, que publicou en 1964 Voz fuxitiva, no que conta algo insólito: «Eu non escollín o galego… foi o galego o que me escolleu a min».

Se o poeta alófono é o poeta que escribe desde fóra do idioma, poeta autófono é o que escribe desde dentro, o que respira nese idioma (Luís Pimentel nunca escribiu en galego porque se sabía alófono). En canto a María Victoria Moreno, foi ela quen nos aclarou, en 1993, cal era o seu nivel de instalación lingüística na lingua asumida. Refírome ao relatorio, titulado Escritora alófona eu?, lido no I Congreso de Poetas Alófonos en Lingua Galega (Universidade de Santiago). Nun momento afirma: «Non son alófona porque o que practico, se é que escribo, poderíase definir como unha amorosa autofonía: a lingua de Galicia, desde hai anos… é a lingua de meu». Paga a pena ler este relatorio, con agudas observacións, e que finaliza con esta declaración: «A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor».

Votación
4 votos
Comentarios

María Victoria Moreno, «autófona»