A ver que imos dicir

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

07 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aterecida. Traumatizada. Magoada. Vexada. Espida. Violada. E inmensamente aterrada.

Así atoparon a unha peregrina despois de que fose abordada no medio do Camiño de Santiago para posteriormente ser violada.

Por se fose pouco, abandonárona sen roupa no medio do frío. Puido morrer por esta causa. Ou polas feridas. Pola malleira. Polo medo.

Mais sobreviviu. Outra muller que sobrevive á violencia machista, á violación, á inxustiza... Basta xa!

E, ollo! Coidado co que van dicir. Moito coidadiño! Non quero escoitar qué facía ela soa, que como se botaba a andar o Camiño sen compañía, que vaia horas, que... Silencio! Xa está ben. Deixemos de xustificar, aínda que sexa minimamente, estas condutas machistas, esta sementeira de pánico que non merecemos, esta violencia gratuíta e este ataque ao xénero feminino.

Non. Acabouse.

As mulleres temos o mesmo dereito ca os homes a optar ao mesmo traballo, a cobrar exactamente igual ca eles, a saír da casa sen medo, tamén coma eles, a poñer a roupa que nos pete, a sentirnos seguras e iguais. Nin máis nin menos.

Ah. E por certo, tres son multitude e dous... manada? Porque de novo non foi unha loita un a unha. Non. Dous homes asaltando unha muller.

Noxo. Iso é o que sinto. Náuseas. E iso que me alivia pensar que segue viva, porque para algúns a vida das mulleres non vale moito, e acabar con elas...

Non podo nin escribilo.

Pero antes de que escoite nada que me dea máis noxo aínda, lembren que a culpa non é dela. Nunca. Non o esquezan nin obvien.