A xustiza de Nathaly

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Nada se sabía de Nathaly, unha moza que viaxaba soa por Perú en busca de coñecer mellor as súas raíces. Pero un día, desapareceu. Desde España, a súa familia denunciou os feitos, e pediu que se levasen a cabo todas as actividades posibles para dar co seu paradoiro. Mais pasaban as horas e nada se sabía dela. E os pais, que só poden ser pais, deciden viaxar ata onde se lle perdeu a pista e intentar atopar unha pegada, un rastro, un indicio... unha esperanza. E esta, precisamente, debe ser o ingrediente máxico. Porque, pensaba eu na miña ignorancia: se toda a policía do país non é quen de atopar nada, non creo que eles, só por ser pais, poidan facelo mellor ca os investigadores.

 

Ten que ser a esperanza, a impotencia, o amor incondicional, a responsabilidade... o cordón umbilical, que non nos permite separarnos desa vida que saíu da nosa. Porque vaia se deron con algo. Por desgraza non se trataba de boas novas, pero cando menos, comezaron a ver luz sobre o acontecido. Nathaly non desaparecera. Fixeron desaparecer o seu corpo. Dous criminais que confesaron unha historia rocambolesca da que aínda vai ser preciso saber moito máis. Iso, claro, cando dean (se é posible) co seu corpo e este ofreza datos do que lle fixeron antes de quitarlle a vida. Accidente ou asasinato, iso non o sabemos. O que si é coñecido é que o poder duns pais indagando sobre o paradoiro dun fillo é indestrutible. Por iso, desde aquí che pido a ti, Antonio del Castillo, que non te rendas.

Estamos contigo.