Quérote

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

25 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez lin un traballo académico no que se explicaba filoloxicamente a importancia de dicir «quérote». A cousa viña sendo determinar se esa é unha palabra coma outra calquera ou se é un acto de fala, isto é, un deses enunciados tipo «prometo» no que o simple feito de dicir implica facer. Dis «perdóote» e xa estás perdoando, «arrepíntome» e xa estás arrepentida, «quérote» e atópaste querendo sen remedio.

Dicía a lingüista autora da investigación académica que, ante un acto de fala, a situación entre os interlocutores muda irremediabelmente porque son palabras alén das palabras, e porque, ademais, semanticamente non poden ser negadas: para que dicirlle «pero non me queres» a quen che di «quérote»?

Foi así como entendín por que a algunhas persoas nos custa tanto dicir «quérote», mentres que a outras, máis proclives ás afirmacións categóricas, non lles importa ir por aí mudando de relación cun interlocutor ou asumindo cousas que non se poden negar. Quen me queren a min, de feito, sofren isto que, na cultura tradicional galega, vén denominarse ser toxo. Eu prefiro pensar que as que non dicimos «quérote» con facilidade reservámola para cando debe ser máis ca unha palabra e que fique no corazón da outra persoa. Quizais é verdade que nos poñemos exquisitas e o dicimos pouco cando deberamos dicilo máis (papá, mamá...), ou deixamos de dicilo cando alguén decide amar pola súa conta (aviso ás fillas), pero a Lingüística aínda non explicou por que o amor permanece cando as palabras se esvaen.

Por todo isto, non saben o que me amolan os políticos subidos nun estrado berrando a tutiplén «Quérovos!» coma se puidesen ter esa relación de vida que muda con 5.000 seareiros. Menten. E creo telo demostrado cientificamente.