O Ministerio do Interior publicou as cifras de desaparicións en España e dan calafríos: cada día denúncianse 60, que son máis de 20.000 ao ano. E son moitas as persoas que nunca aparecen, nin vivas nin mortas. Neste momento séguense buscando 3.617, algunhas delas desde o ano 2010.
Dalgunhas sábese que morreron, como é o caso de Marta del Castillo, pero doutras non se sabe nada, coma da neniña inglesa Madeleine McCann, desaparecida en Portugal hai 10 anos; ou de David Guerreiro, o neno pintor de Málaga, desaparecido hai 30 anos. Moitas desaparicións acaban en mortes, sobre todo cando son de nenos ou mulleres, e convértense en casos de asasinatos, que con frecuencia a Policía acaba resolvendo, incluso moitos anos despois.
A difusión destes datos coincide cun novo programa televisivo do tipo Quen sabe onde? Parece que a colaboración cidadá, morbo aparte, é unha axuda importante, sobre todo para as desaparicións de homes, que son 3 de cada 4, e moitas delas voluntarias.
O caso máis espectacular que me contaron é o da muller que, estando no cinema coa súa filla, recoñeceu ao marido desaparecido nas imaxes do NODO que mostraban unhas illas de Indonesia. Sinalou a pantalla e berrou: «¡o teu pai, o teu pai!». E resultou certo. O caso que máis me gusta contoumo un amigo: O seu bisavó díxolle un día á súa muller: «Saio a comprar tabaco». E volveu vinte anos despois. A muller, con toda tranquilidade, preguntoulle: «Atopaches o tabaco que querías?».