Poetas eucarísticos na esquerda


O día 7 de setembro de 1960, Silvia Santiago Conde, filla do escritor Silvio Santiago (1903-1974), celebrou na Coruña a súa primeira comuñón, feito que suscitou unha serie de textos literarios en verso e en prosa que acaban de ser recolleitos nun volume que editan, prologan e anotan os profesores Afonso Vázquez-Monxardín e Patricia Arias Chachero. Edítao o Consello da Cultura Galega co título Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde no día da súa primeira comuñón. O volume é algo máis ca unha curiosidade na bibliografía galega contemporánea.

O precedente máis ilustre do xénero é o opúsculo Ofrenda lírica á nena María Isabel Ramón Algarra no día da súa primeira comunión, editado, con moito decoro, por Monterrey (Vigo) en maio de 1955. Trátase dun sonetario, en homenaxe á filla do escritor Ben-Cho-Shey, no que participaron dez voces importantes da poesía galega daquel tempo: Xosé María Álvarez Blázquez, Fermín Bouza-Brey, Ramón Cabanillas, R. Carballo Calero, Augusto Casas, J. Díaz Jácome, A. Gómez Ledo, Ángel Johán, R. Otero Pedrayo e Victoriano Taibo. Non sei se Ángel Johán era católico nesa altura, pero os outros nove participantes érano certamente e as súas musas labraron en eido propio.

Na ofrenda do ano 1960 colaboran prosistas e poetas, entre estes, algúns dos que participaran xa na celebrada no 1955 (Carballo Calero, Bouza-Brey, Álvarez Blázquez, A. Casas e Otero Pedrayo, con tres poemas bastante longos). Na ofrenda figuran, entre outros, dous poetas que, na opinión dos letraferidos da época, non eran homes de misa nin escritores de dereitas: Celso Emilio Ferreiro e Manuel María. Celso Emilio troba deste xeito: «Que ninguén diga non; digamos sí. / Cristo está aquí». E Manuel María, desta maneira: «Que o Neno Xesús, o Neno máis bon, / baixará, amante, ó teu corazón / como un anxiño a sorrir».

Boa ocasión esta para reflexionar sobre os recursos retóricos (non necesariamente literarios) de certos poetas, que, en calquera caso, por amizade ou polo que sexa, escriben versos de encarga. Xa o fixera en 1955, para a neniña Maruxa Agrasar, Uxío Novoneyra, capaz de subscribir estes versos: «Vén a ti O Señor da dor maior / que El esquece por ti: / para non ferirche, sorrí». (O cheísmo está no orixinal).

De todos os xeitos, o volume que suscita este comentario de hoxe é unha peza interesante e significativa da bibliografía galega de hai sesenta anos, con textos curiosos (un poema de Cela), con algúns sonetos valiosos e sinceros e unha breve carta de Ramón Piñeiro que é un prodixio non retórico de oportunidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Poetas eucarísticos na esquerda