Delicadamente

Xosé C. Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

11 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que a delicadeza está en desuso. Agora que se perderon formas, caricias, e a mala educación é a educación de moda. Agora levanto esta columna a principios do 2018 e regreso á tenrura como unha bandeira imposible de derrocar. Levanto para que ti levantes comigo este grito no deserto, canto de cisne, esta claudicación que non quere claudicar de ningún soño: tantos. Quedan almacenados neste corazón en forma de columna de xoves, inaugurando soños, ese hábito irreparable. Non me arrepinto de ningún deles. Especialmente dos que se converteron en grandes fracasos. Fracasar é unha maneira de vencer, tamén. Pasamos a vida procurando vitorias. E entre ambicións perdemos a tenrura. A delicadeza. Non está de máis abrir a porta para que outro pase primeiro. Nin acompañar aos que andan sempre acompañados, unicamente, de si mesmos. Non permitir que os vellos se volvan máis vellos en residencias que non miran ningún mar. Non consentir a tristeza. Abrazar sen pedir ser abrazado. Non está de máis a delicadeza. É gratis. Pero fai máis levadía a vida. Non se trata de sobrevivir: vivir é outra cousa. Vivimos máis cando máis damos. Cando máis nos damos. A delicadeza é un patrimonio que se incrementa cada día. Neste tempo infecto, de canallas e tramposos, convén defender a delicadeza. Investir en delicadeza. Sei que pode resultar, talvez, melífera e afectada esta contraportada que inaugura outro país das marabillas. Pero sen delicadeza nada somos. Pido, pois, que delicadamente habites esta Galicia de brazos abertos. Delicadamente camiñes cada paseo, a chuvia, o sol que na Fisterra anuncia o paraíso. Delicadamente, esperanza. Agora que a delicadeza está en desuso.