Durante moitos anos, no final de decembro dedicábame a facer listas de propósitos para o novo ano, cun entusiasmo que se ía desvanecendo día a día, deixándome un pouso de fracaso e malestar que, con todo, non impedía que ao decembro seguinte volvese facer listas de novos e vellos propósitos. Ata que me contaron a historia do inválido que vai en cadeira de rodas a Lourdes, a pedir a súa curación, e a quen, nunha empinada costa abaixo, <span lang="gl">fállanlle os freos da cadeira. E entón berra: «¡Virgencita, Virgencita, que quede como estou!». Foi unha revelación. Sentinme identificada co tollido e, sen esperar a que rompesen os freos da miña cadeira, renunciei a converterme en campioa dos cen metros vala e a esforzarme por facer cousas que nunca fixera e que nunca farei. E, de paso, a gozar do que teño e do que farei de forma natural, sen necesidade de propósitos. Pero este decembro de 2017, co asunto das eleccións catalás, volvín ás andadas. «Isto vai cambiar», pensei. E a noite do 21 quedei pegada ao televisor, esperando ata o último minuto un milagre. Pero non houbo cambio. Estamos igual que estabamos. Por iso, sen saber o que se aveciña, o empinada que pode ser a costa abaixo pola que rodamos, creo que o máis sensato será dicir o mesmo que o inválido: «¡Virgencita, Virgencita, que queden como están!».
Creo que o máis sensato será dicir o mesmo que aquel inválido que foi a Lourdes: «‘Virgencita’, ‘Virgencita’, que queden como están!»