Alba/Escocia

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

02 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alba é o nome de Escocia en idioma gaélico. Na actualidade, esta lingua de raíz celta fálana arredor de 60.000 persoas nos puntos máis noroccidentais do seu territorio, sendo as illas Hébridas o principal baluarte; aquí a cultura gaélica ten un arraigamento especial, e cada ano, dende 1996, celébrase o Hebridean Celtic Festival, un evento intercéltico de exaltación da celtitude e onde no mes de xullo do ano 2001 vin un solpor preto da unha da madrugada. En Alba tamén se falan inglés e scots (escocés), unha lingua xermánica próxima ao inglés, moi empregada maiormente nas Lowlands (Terras baixas). É o país celta xeograficamente máis ao norte, con capital na histórica Edimburgo, aínda que a cidade máis populosa e industrial sexa Glasgow; nela tamén se celebra dende 1994 o recoñecido festival Celtic Connections, no cal tamén participei hai anos, ao tempo que me permitiu pasear polo seu histórico e espectacular camposanto de profundas raíces celtas. O kilt é o nome da saia a cadros coa que se visten os escoceses, e dependendo das cores din que se identifica a cada un dos clans familiares, aínda que con isto hai unha importante controversia. A música é un dos piares esenciais e importantes da súa cultura, e é recoñecida e respectada mundialmente. As gaitas, de poderosa presenza, aínda que considerablemente modificadas ao longo do tempo, son un dos símbolos máis identificables, igual que o seu lendario e heroico pasado inzado de castelos con fantasmas -mesmo nun dos seus múltiples lagos disque ás veces se pode ver unha enorme criatura-. A bebida nacional é o whisky, Uisge beatha, que traducido do gaélico é «auga de vida». Escocia é un territorio marabilloso que afronta o seu futuro con valentía.