Volvamos ser nenos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

28 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tregua, por favor. Pausa. Paren. Deteñan os motores. É Nadal. E, por un momento, fagamos que sexa iso, a festa dos bos desexos, dos soños, da esperanza... Non estaría mal, por un tempo, volvérmonos nenos de novo. Confiar. Crer. Si, certo. A vida segue e o mundo non se para porque queiramos celebrar unhas festas que cada vez son máis consumistas e menos entrañables, pero... tanta luz polas rúas ten que ser unha premonición, un sinal.

Temos un mundo gris, apagado, cheo de sombras... pero aínda podemos enchelo de luz, como as pequenas lámpadas que hoxe ateigan os paseos. Nós podemos ser unha desas luzadas. Pequenas, febles en solitario, pero cheas de forza se nos xuntamos. E tamén é a nosa obriga. Si, a de sermos comprometidos, congruentes, loitadores e fortes. Continuemos a erguernos cada vez que caiamos ou nos derruben. Porque todo require un esforzo e, si, moita forza tamén.

Enchamos o mundo de luz, de sorrisos. Deixemos por un instante as leas políticas ou futbolísticas, que tanto se me asemellan ás veces. Fagamos gala do espírito deportivo e demostremos que iso da convivencia vai con nós. Sexamos afoutos tamén para dicir basta ás atrocidades, á violencia, á maldade.

Sexamos nenos sendo adultos. Que a inocencia dos nosos cativos remoia a nosa conciencia e nos obrigue a loitar por ese futuro que, si ou si, vai chegar. Nas nosas mans está facer del un lugar mellor. Só con traballo poderemos conseguir que os soños se fagan realidade. E soñar, créanme, non o podemos evitar.