Pallozas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

05 jul 2019 . Actualizado a las 18:36 h.

Construír en redondo era algo habitual en Galicia. As vivendas dos castros antes de ser romanizados eran maiormente dese xeito e as pallozas, como evolución aínda viva, tamén; os máis primitivos hórreos como os cabazos ou os piornos, igual, os pombais, os muíños de vento, as alvarizas para protexer dos osos os cortizos das abellas, os foxos para atrapar os lobos ou os fornos de cocer o barro dos oleiros, por poñer varios tipos de arquitecturas tradicionais antigas, conservan esa feitura xeométrica na súa base. De todas as construcións circulares, a palloza é das que sobreviviu no tempo. Caracterizadas pola súa complexa cuberta de palla de centeo, podemos velas nos Ancares, tanto galegos coma leoneses, e na parte suroccidental de Asturias. En Galicia aínda se conservan importantes concentracións deste tipo de vivendas en Piornedo ou no Cebreiro, na provincia de Lugo, conformando unha marabillosa excepcionalidade etnográfica e antropolóxica a coidar. Precisamente nesta área (Os Ancares) moitas delas están nun estado semirruinoso, e outras cubertas con uralitas ou plásticos cos que, polo menos, evitan o deterioro interior pese ao feísmo que xeran. O centeo, do que se saca a palla coas que se cobren, escasea, e o oficio de teitador é cada vez máis raro, ao que se suma a desgraza do abandono e da decadencia do rural, que inducen a unha auténtica devastación. Sendo unha das construcións máis primitivas e interesantes de Europa, nun estado agonizante pero reversible, estaría ben unha chamadiña de atención, a quen lle corresponda, para non deixar que todo este patrimonio único se veña abaixo en pouco tempo. Debemos evitar que o deterioro patrimonial ao que nos estamos autosometendo se converta nun penoso selo de identidade.