O principio de Lampedusa

Miguel Anxo Bastos Boubeta FIRMA INVITADA

OPINIÓN

23 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Invertendo a vella frase de Lampedusa de cambiar todo para que nada cambie, ben poderiamos dicir que nas eleccións catalás aconteceu todo o contrario, que non cambiou nada para que cambie todo.

Aparentemente non aconteceu nada de relevancia nunhas eleccións nas que se discutía o futuro do proceso de secesión e a gobernabilidade de Cataluña. Ambos os bloques conservan porcentaxes de voto moi parecidas ás que tiñan, un gana en escanos e o outro en votos, e polo tanto mantense o estancamento que levamos padecendo nos últimos anos. O único que aconteceu foron reaxustes internos dentro de cada bloque, pero esta ausencia de cambios no fundamental vai levar a cambios moi substantivos na política catalá. No bloque independentista Puigdemont, a pesar de obter un inesperado triunfo, non pode cantar vitoria e reclamar unha vindicación popular do seu sacrificio, pois nin sequera conseguiu ser a forza más votada en Cataluña. O pobo non parece ter recompensado o seu sufrimento cun resultado espectacular que o aclame como salvador do pobo catalán. Máis ben temo que será sacrificado en aras da gobernabilidade. Algo semellante acontece cos outros mártires do procés. No novo Parlamento hai deputados presos, incluído Oriol Junqueras, varios exiliados e varios en liberdade baixo fianza. E non é probable que, ao non tomar posesión, se poña en cuestión a investidura dun goberno que estableza as medidas políticas que permitan manter viva a vontade de construír a patria dos cataláns. Intúo que poden ser substituídos por novas (ou vellas) caras da política catalá. Iso si, como dicían as vellas necrolóxicas, estas vítimas do proceso seguirán sempre vivas na nosa memoria. O primeiro cambio pode vir, por tanto, dunha remuda substancial das elites dos partidos políticos secesionistas. As da CUP xa cambian soas por imperativo da organización.

Este cambio de elites produciuse tamén no ámbito constitucionalista. É certo que Ciudadanos obtivo un resultado espectacular, pero non foi quen de derrotar o independentismo ao non ser capaz de erosionar no máis mínimo o voto independentista. É máis, parece que tocou teito, pois non sei de onde pode sacar máis votos en eleccións futuras. O malo de tocar teito é que, no futuro, os resultados bos van parecer malos por comparación. Incluso, Rivera, se non é capaz de acadar resultados semellantes noutras eleccións -cousa bastante probable-, pode ver cuestionado o seu liderado por unha triunfante Arrimadas. De aí que tentase tutelala durante todo o proceso electoral para intentar ser asociado á súa vitoria. O gran perdedor parece ser o PP, non tanto o catalán, que xa non tiña moito peso, senón o español, e moi en especial no seu líder. Ao igual que o felizmente recuperado touro Ferdinando, ao líder do PP vano querer tourear nunha praza de Madrid. Pero intúo que, da mesma forma que o simpático animal da factoría Disney se salva na corrida e torna á súa casa, Mariano Rajoy vai sobrevivir á corrida e volverá pacer por moito tempo nos verdes prados da Moncloa. Xa saíu de situacións peores ca esta.