Letras galegas en Madrid

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

Recibín no mes de novembro o número 20 da revista Madrygal, correspondente ao presente ano, o 2017. Madrygal (Madrid y Galicia) edítaa a Universidade Complutense (Madrid) desde 1998, data do número inaugural. Naqueles anos exercía de lectora de Lingua galega, na Facultade de Filoloxía da Complutense, Ana Acuña, hoxe profesora na Universidade de Vigo (campus de Pontevedra). Cítase neste artigo porque ela foi, coa profesora Carmen Mejía (non galega), unha das persoas que iniciaron e alentaron a publicación, subtitulada Revista de Estudios Gallegos. 

Consta o presente volume de 350 páxinas a dúas columnas, inxente material para cuxa edición cómpre a entrega e a pericia dos dous secretarios, Lidia L. Teixeiro e Ricardo Pichel. Eles, coa directora, ofrécennos un elenco valioso de artigos, notas, recensións, crónicas e páxinas de creación e tradución. Cónstame que xa saíu do prelo un volume extra, moi groso, que recolle as intervencións do último congreso de estudos galegos en Bos Aires; hai dous anos publicouse o dedicado á edición de Madrid. No presente, a revista ofrécenos traballos tan eruditos e especializados como o asinado por Ricardo Pichel e Xavier Varela Barreiro co título «O fragmento galego-portugués do Livro de Tristán. Nova proposta cronolóxica e diatópica». Desde agora, o célebre texto medieval (tradución do francés) hai que situalo no último terzo do século XIII.

Abundan, como noutros números, as colaboracións sobre autores modernos e contemporáneos: a perspectiva feminista de María Victoria Villaverde (por John Patrick Thompson), a saudade en Pessoa e Luís Seoane (por Antía Fernández Guiadanes), as figuras femininas na obra de Cunqueiro (por Camiño Noia), a antoloxía poética dos Novísimos (1973) de María Victoria Moreno (por X. Alonso Montero), a heterodoxia de Lois Pereiro (por Alva Martínez Teixeiro)… Poucas publicacións extragalegas de tema galego teñen a continuidade e a capacidade de convocatoria de Madrygal, só comparable á colección de edicións bilingües (galego-ruso) de textos literarios nosos (de Mendiño a Rosalía, Castelao, Celso E. Ferreiro…) que dirixe, con man firme e sabia, na Universidade de San Petersburgo, a profesora Elena Zernova. Por se fose pouco, para min, Madrygal elabórase e organízase na Facultade onde eu cursei os meus estudos de Filoloxía Románica (1948-1953), daquela unha revista inimaxinada aínda polos alumnos máis subversivos.