No mes de abril de 1992 abriu as portas na rúa Orzán da Coruña un local de hostalería no que se pretendía cubrir un baleiro, ata ese momento, no referido á música folk e tradicional. Chamábase A Cova Folk e estas músicas eran a banda sonora dese espazo de apenas 80 metros cadrados. Tempos aqueles de cinta casete, elepé e, pouco despois, de cedé. Pero tamén de directos que foron clave fundamental do éxito e da divulgación ata niveis dunha considerable repercusión. Foi, sen dúbida, espazo de referencia para moita xente e moitos grupos vidos de moi diferentes lugares. Aínda que non deixaba de ser un pub máis da cidade onde se servía o propio dun lugar destas características, a intención era educativa, divulgativa e humanizadora, porén a totalidade da súa decoración tamén xiraba en torno a Galicia e á súa cultura musical e etnográfica, onde os pobos celtas irmáns tiñan o seu protagonismo e a conversa era parte esencial da idea inicial. Dende a rexencia, da cal me sinto responsable, esforzámonos para que nun momento de fervedoiro cultural e dende unha perspectiva humilde tivésemos a posibilidade de facer que ata alí se achegasen músicos de toda Galicia e do Estado, como Carlos Núñez, Budiño, Treixadura, Suso Vaamonde, Llan de Cubel, Paco Ibáñez e un longo etcétera, xunto con outros do ámbito celta como Capercaillie, os irmáns Cunninghan ou Aly Bain dende Escocia, Matt Molloy, Brian Dunning, Donald Lunny, Pat Kilbride ou John Whelan dende Irlanda. En definitiva, un recunchiño de humanidade no corazón da Coruña, onde tomar un bo café, unha cervexa ou un auténtico licor café eran a escusa para escoitar música non convencional e vivir momentos diferentes. A Cova Folk pechou no 2006 pero o seu espírito aínda latexa para moitas e moitos.