Mas canta coplas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

18 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Embargáronlle os bens ao ex-presidente da Generalitat, Artur Mas, pola súa xestión do 9-N. E creo que o protagonista non contaba con iso, pois pediu, unha e outra vez aos cidadáns cataláns que contribuísen coa esta súa causa, disfrazándoa co nome de «caixa da solidariedade». Era suficiente cunha miguiña, dicía. Dous euros por cabeza, nada máis. Era era a solidariedade. Claro que só para el e tres excargos máis da Generalitat, que lle deben ao Tribunal de Contas unhas fianzas de 5,25 millóns de euros. Debido a que? Á organización da consulta do 9-N. Lémbroo e aparéceseme na mente unha imaxe de Mas á andaluza, feito un «cantaor». El, que proclama diferenciarse do resto dos que vivimos na península, copioulle a estratexia a unha folclórica, á gran Lola Flores. Lembran o seu caso de fraude a Facenda? Este matrimonio de artistas parecía estar exento da declaración da renda... pero a multa por facelo tres anos consecutivos ascendía a 28 millóns da antiga moeda. «Si una peseta me diera cada español, pero no a mí, a donde tienen que darla, quizás saldría de la deuda» laiábase. Pois iso, que os demais temos que dalas, as pesetas e mais a cara, pero algúns parece que están libres de facelo. O mesmo fai agora o ex dirixente catalán. Vaise por coplas e pide colaboración... ANC e Òmnium chegaron a recadar dous millóns de euros, unha cantidade nada desprezable pero... insuficiente á fin. Ao final, isto do folclore, é mellor deixalo no «tablao», para a faraona, e non levalo á política.