Proxecto Apego


Cando como editor me preguntan polo futuro do libro galego, ou mellor: polo futuro dos lectores e lectoras en galego, case sempre respondo o mesmo, que o gran desafío da lingua é o gran desafio do país: a demografía. A demografía é o noso primeiro problema (económico, social, cultural). Non perdemos lectores en galego, estamos a perder poboación: rapaces e rapazas que poidan continuar a memoria, a existencia do mundo dos país e dos avós. Este xornal daba datos moi preocupantes o pasado venres: Galicia está a piques de baixar dos 2,7 millóns de habitantes. A pirámide de poboación, que nas sociedades en crecemento ten a base ancha (nenos e nenas de menos de dez anos) e o cume estreito (maiores de 85 anos), no caso galego amosa o que os especialistas chaman a gran barriga, figura de copa ou pirámide invertida, coa base nova cada vez máis estreita e o cume cada vez máis ancho, porque a esperanza de vida é cada vez maior.

Na pasada edición dos Premios da Cultura que convoca anualmente a Xunta de Galicia premiouse a iniciativa do Proxecto Apego. Anteriormente xa recibira o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña. Unha iniciativa que xorde no ano 2015 arredor da Coordinadora de Traballadores/as dos Servizos de Normalización da Lingua (CTNL) e que integra máis de trinta concellos a prol da socialización dos máis pequenos en idioma galego. Concellos urbanos, semiurbanos e rurais. Iniciativa privada, organizada como cooperativa de servizos, orientación, material pedagóxico e de lecer, redes de relacións, actividades, etc., pensada para as familias e, sobre todo, dirixida aos nenos e nenas de entre cero e seis anos. A lingua coma un tesouro a través do cal descubrimos o mundo e recoñecemos os valores do grupo social, os principios básicos que nos acompañarán sempre, os nomes primeiros das cousas.

A iniciativa é necesaria, intelixente e xenerosa, como corresponde case sempre a este tipo de propostas, e atinxe non só o ámbito rural, onde o idioma certamente segue vivo, senón os ámbitos urbanos e semiurbanos, onde se concentra a poboación, onde afincan os hábitos dominantes e os valores culturais de consumo, e onde a lingua galega máis dificultades ten de socialización. A política que se limita a ofertar a lingua en función da lingua dominante no ambiente penaliza gravemente o galego, na medida en que o acurruncha no ámbito da resistencia familiar ou na diglosia. Actuar sobre a poboación nova nos núcleos ubanos, crear espazos de relación e socialización, lecer e entretemento para os máis pequenos, vivir o idioma coma unha festa dende o principio da vida é fundamental para o seu futuro. Outra cousa é o castigo da demografía, que na miña opinión é un síntoma ao que haberá que volver noutra opotunidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Proxecto Apego