Débeda con Laxeiro

OPINIÓN

15 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pintor Laxeiro tiña un carácter forte e arroutado, forxado quizais nos anos mozos que pasou en Cuba, onde se adestrou co que logo sería o boxeador cubano máis famoso de todos os tempos: Kid Chocolate. Despois de retornar a Vigo, volveu terminar a súa etapa americana en Bos Aires e, en 1970, regresou a España, para montar o seu estudo en Madrid, enriba do Café Gijón, que era o gran café dos faladoiros intelectuais máis frecuentados por escritores, pintores e actores. Laxeiro fixo alí amizade con case todos, menos cos pintores do Grupo El Paso (Antonio Saura, Rafael Canogar, Luis Feito, Antonio Suárez), que non o acolleron ben, e que a el tampouco lle interesaban. E isto sucedía, paradoxalmente, porque este galego de ollada abducida polos granitos do pórtico da Gloria e as cores dos entroidos de Lalín, tiña unha ollada longa e renovadora que pasaba polo Greco e por Goya e ía parar nada menos que a Picasso, algo do que non se ten falado abondo e do que deberá falarse algún día para ter completado o mapa das súas referencias esenciais.

Quizais foi Luís Caruncho o primeiro en decatarse da dimensión vangardista da pintura de Laxeiro. «A súa personalidade é irrepetible -afirmou-. Foi sen dúbida o renovador da plástica galega do século XX, o artista da nosa terra que mellor soubo sintetizar a tradición visual da cultura propia coas linguaxes renovadoras que atravesaron o panorama internacional ao longo dese cento de anos. Laxeiro é o máis internacional dos pintores galegos». Outro recoñecemento sobresaínte é o de Rafael Canogar, do Grupo El Paso, quen, pasado o tempo, recoñeceu que o pintor galego abriu «as portas ás novas correntes estéticas do seu tempo. E soubo facelo sen perder a súa identidade».

¿Por que non hai unha presenza axeitada de Laxeiro no Museo Reina Sofía de Arte Contemporánea, en Madrid? É unha pregunta pertinente, para a que eu teño unha resposta moi simple. Nin os galegos nin o propio Laxeiro fixemos nada relevante para que así sexa. Camilo José Cela foi Premio Nobel polo seu imparable batallar por conseguilo. Laxeiro nunca foi desa estirpe logreira, pero a crítica galega debería ter corrixido esta falla. É unha débeda que temos con el.