Posverdade e incendios forestais

francisco díaz fierros TRIBUNA

OPINIÓN

Santi M. Amil

01 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

E n decembro o dicionario da RAE acollerá esta nova entrada referida á posverdade: «Informaciones o aseveraciones que no se basan en hechos objetivos, sino que apelan a las emociones, creencias o deseos del público». Definición que, sen dúbida, lle acae moi ben a cuestións tan actuais e debatidas como o ascenso de Trump, o brexit, o insoportable procés catalán e, por suposto, a proliferación dos populismos. E agora, que xa pasou un certo tempo desde os incendios forestais de outubro e temos unha certa perspectiva para reflexionar sobre eles, tamén poderiamos aplicala, sen demasiadas excepcións, a moitas das manifestacións que xurdiron ao fío deses dramáticos acontecementos. A primeira valoración deste afloramento dos sentimentos sería de signo positivo, pois se hai unha emoción que merece o noso recoñecemento sería a da solidariedade que agromou por todos os recantos de Galicia e de España.

Pero, ao tempo desas nobres emocións, habería que constatar tamén que as verdades obxectivas baseadas na experiencia, o estudo e a reflexión foron en moitos casos agochadas por afirmacións improvisadas que atendían máis ao que cada un desexaba oír que á aceptación dunha realidade complexa, de moi difícil abordaxe e comprensión, comezando pola necesidade que todos sentimos de atopar xa os culpables desa traxedia. Este ano, como en tantos outros da nosa triste historia forestal, xurdiron sospeitosos de toda caste, trebellos incendiarios, tramas máis ou menos organizadas…, cando a realidade é que só se puideron procesar ata agora a dous descoidados queimadores. Inevitablemente, como en todo relato da posverdade, os bos e os malos foron definidos con seguridade: os eucaliptos e piñeiros, como pirómanos tradicionais, e os carballos e castiñeiros como salvadores do monte, cando todo o coñecemento amoreado sobre o problema da combustibilidade da vexetación dinos que a cuestión é moito máis complexa. E, como non, xurdiu a teima dos cativos recursos dedicados á prevención, afirmación que compartimos a maioría, pero que se debe completar tamén cos problemas reais da súa posta en práctica: a disparidade de alternativas que hai así como a inseguridade de ter que agardar un amplo espazo de tempo para coñecer a súa viabilidade.

En Portugal, diante das apaixonadas reaccións que provocou nun primeiro momento a traxedia que sacudiu con inusitada forza a zona portuguesa do Pedrógrão, un veterano estudoso dos lumes forestais laiábase de que «non temos adiantado nada en cincuenta anos». Moito me temo que en Galicia se poida afirmar algo semellante, pois todo o abondoso coñecemento que se foi achegando sobre os lumes e os seus efectos podería ficar en boa parte esfumado, se as emocións que libera a posverdade chegasen a dominar ao final os nosos xuízos e apreciacións.