Mellor escribo novelas

Inma López Silva
inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

05 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Alertados pola atención dedicada pola CNN ao caso catalán, os habitantes de Guanajuato (México) non falaban doutra cousa: pero que vai ser do Barça? E nós, que entre o jetlag e as emocións na pel, almorzabamos ovos picantes con convocatoria de eleccións e ceabamos carnitas con chile e declaración da independencia, non sabiamos moi ben que contestar. Percorremos medio México en bus co dato non comprobado de que só Osetia recoñecera a nova República catalá, así que quizais tiñan razón os meus anfitrións e era certo que, cando un país occidental se declara independente, o verdadeiro problema internacional é a incerteza dun equipo de fútbol que move millóns de euros e de corazóns.

 

Entre tanto, unha mensaxe baixábame ao mundo: «Para un europeo de clase media do século XXI é máis fácil facer a xihad cá revolución independentista: pegar tiros fronte á insurrección fiscal». E souben así que a opereta chegara ao seu fin.

En realidade, sempre fun máis daquelas revolucións románticas nas que as grandes palabras aínda daban para novelas. Zapata, Pancho Villa, o subcomandante Marcos... Aí estaba eu, nun país con experiencia en revolucionarios discutíbeis, manchados con po e sangue, pero máis literarios ca eses europeos correntes que valen máis para un thriller político ca para unha verdadeira revolución de novela. E si, agardando polo avión de volta, comprobei que o que quedaba da miña esperanza revolucionaria incorría na súa última contradición: proclamar unha república e liscar a unha das máis rancias monarquías de Europa. Tranquilos, que o Barça aí segue, dígolles aos amigos mexicanos. O único que quedou tocado en todo este procès é o meu romanticismo revolucionario.

En realidade, sempre fun máis daquelas revolucións románticas nas que as grandes palabras aínda daban para novelas. Zapata, Pancho Villa, o subcomandante Marcos...