Está de moda presentar diálogos inverosímiles entre pintores ou creadores artísticos. Debe ser un bo negocio, porque a fórmula non para de repetirse en múltiples exposicións. Mais, que me perdoen, pero non se trata de diálogos, nin sequera de «diálogos artísticos», porque o verdadeiro diálogo, segundo a RAE, é a «conversa entre dúas ou máis persoas que alternativamente manifestan as súas ideas ou afectos».
Pero, dito isto, quero falar da exposición Picasso/Lautrec que se ofrece no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza de Madrid. Unha mostra que, máis aló de todo diálogo, ofrece unha valiosa representación (se se quere, comparativa) da obra de cada un deles na súa observación da vida urbana. Porque é ben certo que Toulousse-Lautrec (1864-1901) e Pablo Picasso (1881-1973) teñen afinidades e coincidencias pictóricas moi notables, aínda que eles non dialogasen fisicamente nunca. Os dous mesturáronse coa vida urbana dun xeito moi próximo e quizais aí está a explicación de todo, xusto nos seus retratos de boulevardiers e de cortesás dunha extravagante e vulgar elegancia.
Porque é certo que beben nas mesmas fontes duns exteriores parisinos á hora de pintar os seus retratos. Aí están os baixos fondos das noites de París (que tanto os atraeron), os cafés e os cabarés, o mundo do circo cos seus acróbatas, os seus pallasos e os seus vagabundos. Aí están as mulleres marxinais e as prostitutas do París finisecular, que ninguén retratou mellor ca Lautrec e polas que Picasso tamén se interesou logo, como ben demostra a súa obra, na que abordou o espido desde unha visión moderna.
Cabe dicir, pois, que hai unha influenza de Toulouse-Lautrec en Picasso, certo, pero tamén que hai unha «modernización» da obra do francés na creación do español. Os dous aparecen fascinados polos mesmos mundos e comparten unha mesma delicadeza. E, por medio da súa obra, o bufón, o cabalo e o acróbata fixéronse un oco dentro da arte moderna. Os temas do erotismo e a prostitución cativaron a ambos, como queda reflectido nesta exposición. Os dous renovaron o canon pictórico por esta vía marxinal. É algo que queda claro neste diálogo entre a obra de ambos os dous autores.