Por qué é tan difícil cambiar a Constitución?

Lourenzo Fernández Prieto
lourenzo fernández prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que é máis doado aplicar o artigo 155 -que ninguén sabía até agora como aplicar- que reformar a Constitución de 1978? Neste século houbo sucesivos intentos de reforma e motivos había: comunidades autónomas, igualdade de mulleres e varóns na sucesión da Coroa, Tribunal Constitucional, adaptación á UE..., pero só fraguou a reforma exprés do artigo 135. O goberno Zapatero intentou a reforma baixo a tutela xurídica de Rubio Llorente, daquela presidente do Consello de Estado e antes vicepresidente do Tribunal Constitucional pero nunca logrou o apoio do Partido Popular, imprescindible para acadar os dous terzos de votos favorables no Congreso dos deputados. Un dos obxectivos posibles naquela reforma era camiñar no federalismo asimétrico e bilateral que xa está no pacto constitucional orixinal e na letra da actual constitución na distinción entre nacionalidades e rexións. Onte cumpríronse corenta anos do famoso «Ja sóc aquí!» de Tarradellas, cando volveu como President da Generalitat no exilio e o foi recoñecido dunha Generalitat provisoria restaurada que abríu o paso ás pre-autonomías. A cambio el aceptou a Monarquía e outorgoulle a súa lexitimidade. Iso foron os acordos da Transición, os que agora están a ser rachados. Aquela operación requiriu moito diálogo e moita audacia política, cando aínda non se fixera o segundo cabodano do ditador e cando os xenerais golpistas aínda controlaban o Exército.

Daquela a política era fonte de solucións e as ameazas estaban fora. Mudar a Constitución requiría dun amplo acordo PSOE-PP ou un cambio no mapa político e como o primeiro non se deu estaba dándose o segundo porque unha obra de hai corenta anos necesita restaurarse e renovarse ou así o viron moitos sectores da sociedade. Non se deu o acordo porque para este PP a actual Constitución é un límite a rebaixar non un modelo a perfeccionar, sobre todo en relación co Título VIII. O demais xa o coñecemos, o empeño en evitar a política entendida como solucións dialogadas serviu para poder interpretar a lei pro domo sua. En España o frontismo é un vello problema: reduce o pluralismo por principio, dificulta o diálogo e estimula as emocións, complica o exercicio da democracia e limítao. Hai frontismo en Cataluña a prol do dereito a decidir entre tres partidos. Sobre todo hai un frontismo hexemónico na dereita española que Aznar formulou como un proxecto recentralizador -lémbrese o episodio das matrículas- e renacionalizador -o famoso Decreto de Humanidades-. Un empeño que mesmo é capaz de forzar os dereitos e liberdades individuais autoritariamente, da lei mordaza até esta interpretación do 155. O partido menos votado en Cataluña gobernará até convocar eleccións. Que diálogo pode haber agora que non houbo antes? Que política pode haber agora que non houbo antes? Aznar formula con toda a coherencia ese proxecto limitador da Constitución de 1978, pero polo que se ve -e contra prognóstico- quen está a executalo é Rajoy.