O xardín dos avós

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algúns anos, dende o equipo de investigación de Novos Medios da Universidade de Santiago, desenvolvimos un proxecto de comunicación didáctica arredor da cultura forestal, no marco da Unión Europea, na baranda atlántica que vai dende Escocia ao sur de Portugal. Titulamos a contribución galega igual que esta marea de hoxe: O xardín dos avós. E así titulamos tamén a carta de presentación do número 199 da revista Grial (xullo, agosto, setembo de 2013) no que recolliamos unha serie de ensaios promovidos dende a Asociación de Antigos Bolseiros da Fundación Barrié nos que se intentaba contestar a unha pregunta: ¿Cómo mellorar a capacidade forestal en Galicia? Non dun xeito cuantitativo, que diso temos abondo, senón cualitativo, equilibrado, racional.

En agosto de 2006 ardera o mundo, Galicia toda, e hai unha semana volveu arder, coa mesma ou renovada furia, coa mesma violencia e estragamento: 35.500 hectáreas nunha fin de semana; 48.100 hectáreas no que vai de ano, o que significa, segundo datos da propia administración, cinco veces a superficie da cidade de Barcelona, e aínda máis grave: catro mortos, cunha poboación urbana ou periurbana gravemente ameazada, horas de verdadeira angustia, sen precedentes. Seica no que vai de ano ardeu máis superfcie que nos tres anos anteriores xuntos.

Semella que isto vén de xeito cíclico. Cada decenio toca. Non quero ser agoreiro, pero polo corredor atlántico, diante da costa de Fisterra, seguen pasando navíos con cargas perigosas, coma a do Prestige. Sería boa cousa repasar medidas, recursos, disposicións, protocolos e tecnoloxía dispoñible para lle facer fronte a unha desgraza semellante no caso de que se producise, quince anos despois.

A crise económica castigou as arcas públicas, certamente, mais algunhas veces mais parece que servise de coartada para rabenar a eito, aquí e acolá, en sectores ou necesidades que como non se ven, ou non locen de xeito espectacular (educación, cultura, sanidade, infraestruturas de asistencia social, sistemas de prevención e seguridade), non contan, ou ninguén repara nelas, ata que se produce a catástrofe. A prevención non vende, nin a planificación a medio e longo prazo, que non dá votos inmediatos, porque non se ve; e tampouco se inviste en pedagoxía social para explicar a necesidade. Vivimos no momento. Só cando se produce o cataclismo veñen os pronunciamentos, as declaración (ás veces improvisadas, porque hai que dicir algo), ata que pasa o día e pasa a romaría.

O xardín dos avós, propio dun modelo cultural e económico extinto, hai tempo que non existe como tal. No século XXI a estratexia do monte, que representa arredor do 60 por cento do noso territorio (dous millóns de hectáreas e 700.000 propietarios), demanda decisións que non parece que se vaian dar. O discurso da trama terrorista, con perdón, cheira a cortina de fume.