Faíscas


Ese domingo pola mañá, Vigo era un estraño soño sufocante, cun ceo tinguido de nubes laranxas que xa era mal presaxio. Claro que quen ía pensar que a cidade enteira se ía converter nun inferno de faíscas. Quen ía pensar que, na nosa tranquilidade urbanita, iamos aprender o que senten as persoas do rural fondo da Galicia esquecida cando lles arde a vida e se converten en simples números dunha estatística que fala en hectáreas. Tiña que arder Vigo, tiñamos que ver imaxes de mulleres que non levan mandilóns cruzados nin panos na cabeza apagando lumes cun caldeiro, e lapas engulindo chalés con piscina, para que tomásemos conciencia de que o problema no monte non queda atrás ao desertar do campo. Pensabamos que eramos distintas de Pedrógão, pero Galicia é tamén un monte grande entre España e o mar, salferido de casiñas e galegos aos que o monte non lles importa. 

Se non, delatarían os incendiarios como delatan as solteiras preñadas nas aldeas nas que rulan os cartos da madeira fácil. Se non, saberían dos intereses que inflúen na redacción da lei forestal. Se non, non abandonarían o campo crendo mellor unha vida que quitou a xente das terras para abandonala na construción, na caixa dun súper, na nada. Se non, entenderían a loita dos brigadistas e bombeiros. Se non, esixirían un chisco de nivel aos políticos que votaron, pois falan de mafias incendiarias coma se, desde hai 20 anos, houbese un só dato que permita demostrar que o problema dos lumes está nalgún outro lugar diferente de nós, galegas, que demostramos a afouteza dun pobo resolutivo cando nos abandonaron no medio do pesadelo, pero que practicamos un laconismo inaturábel nas previas, coma se a terra que pisamos non fose nosa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

Faíscas