Debo recoñecer, por estatísticas, que o avión é o medio de transporte máis rápido e seguro co que contamos na actualidade. Despois podemos falar de comodidades, de trato e de prezos pero iso xa é outra historia. Polo tipo de traballo que escollín teño que collelos con frecuencia, e a verdade é que gusto deles pouco ou nada. A semana anterior a subir a un avión vou deixando de durmir ben progresivamente ata a noite anterior na que directamente xa non durmo pensando en que teño que voar, co cal a min este tipo de viaxes convértenseme nun problema porque chego aos destinos mazado como se viaxase nun carromato, e nas peores condicións. Tamén, repugnancias aparte, sei que é cousa miña e que teño que superalo, pero non é tan doado como quixera, encomio as leis da física que conseguen facer que semellante zaragallada perfectamente ensamblada de ferros e plásticos poda voar en grande número e a diario polos ceos de todo o planeta… O caso é que despois de moitos voos e de ter vivido momentos gloriosos xa podería escribir un libro de anécdotas das viaxes que fixen dun lado a outro do mundo que, con esas velocidades, convértese nun pano. No meu caso, e a pesar de non dar superado a fobia a voar nestes aparellos, recoñezo que é fermoso, e que ver a terra dende arriba nos momentos de tranquilidade, que tamén os hai, é unha marabilla, e ata gozo da beleza das impresionantes vistas, ata que chega a turbulencia, que din que é absolutamente normal, e aí acábaseme a marabilla de novo, e o mal momento que me fai pasar non o sabe ninguén máis ca min. Xa non é a primeira vez que despois dun mal voo, e toca regresar, prefiro voltar en bus, en tren, en coche ou ata en burro se fose posible.