A proba de ratume

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

16 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Así comeza Curros Enríquez os Aires da miña terra: «Escribir nada máis pra onha provincia/ ou, como os pobos árcades fixeron,/ escribir sobre a casca dos cortizos,/ cáxeque todo vén ser o mesmo/…». Ironiza sobre a inutilidade da literatura nunha lingua minoritaria, semellante a escribir na casca das árbores. A acordanza destes versos veume indo prá apertura da exposición: Pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas. Xa na Punta do Muíño de Alcabre, deslumbrado por un sol radiante, impropio do outono, apenas reparei no mural do paisaxista Francisco de Sales Covelo, levado á cerámica por Isaac Díaz Pardo, no que ben seguro andivo a mau amiga de Xosé Vizoso. Entrei, pois, no Museo do Mar, non sen lle dar antes un medio arredor á arquitectura de Aldo Rossi e César Portela, para disfrutar dunha das vistas máis fermosas do mar de Vigo. Púxenme a reparar nos convidados -algúns dispostos, pola fasquía, a un postín de ringorrango-, e nada que ver, nin de lonxe, coa mostra dun anaco de coiro de xato do derradeiro terzo do século XIII, alfaia das nosas letras copiada nun scriptorium colectivo, destinada a difundir a poesía, en galego, de Martín Códax. Tamén aproveitei para saudar amigos de vello como Manuel Ramos, director de Linteo, grandísimo editor que, dende Ourense, eleva con discreto esmero a arte do libro. Agardando, e por proximidade a unhas señoras moi emperiquitidas, cadroume escoitar este comentario: «hija, Pili, no creo que sea un papiro de eses (sic) enrollados, mas bien un papel de pergamino grueso…». Non, non houbo rei emérito nin discursos. Cada quen encamiñouse, de por si, cara á ansiada furna de cristal, pasando antes por interesantes pezas, máis ou menos coevas, incluídos os zapatos dun bispo de Mondoñedo. A primeira impresión foi o bo estado de conservación. O pergamiño atopado en 1914 por Pedro Vindel, cando revisaba na súa librería de Madrid un exemplar do De officiis de Cicerón, tivo bo trato, desde aquela. E iso que antes de Vigo, viaxou a Upsala, Londres… e Nova York, a onde regresará como o Ms 979 da J. Pierpont Morgan Library. Peores deberon ser os 640 anos anteriores a Vindel, dos que nada se sabe. Claro que puido ter desaparecido, rillado pola ratume, coma tantos. Librou por sorte.