Nestas semanas de tanto dramatismo político e tanta mensaxe apocalíptica circulando por España adiante, só os humoristas son quen de atinar co enfoque. Son eles quen nos fan lembrar máis A vida de Brian, a inesquecible película dos Monty Python que define a estupidez política facendo unha parodia da vida do fundador do cristianismo, que o dramático filme de David Lean sobre as loitas pola independencia da católica Irlanda. Igual que no tardofranquismo e a transición, outravolta o humor define a o erro presente e enuncia a aspiración sensata. Como naquel tempo tampouco agora a comedia logra sempre expulsar o drama pero é quen de acurrunchalo. A solución sempre está alén do absurdo.
Como na transición de hai corenta anos o que aquí se discute é o futuro da convivencia. A forma de organizar a convivencia: iso é un Estado. Estase cuestionando como se constitúe o Estado e iso non pode non aceptarse porque é como negar a realidade e máis o cambio. A diferenza de hai corenta anos, hoxe o Estado está democraticamente constituído. A solución só pode ser pois democrática e legal. O problema é como sumar democracia e legalidade no asunto catalán, tal como propón o lehendakari vasco. A aspiración de hoxe só pode darse e resolverse en liberdade e con respecto pola diferenza. «Liberdade, amnistía, e Estatuto de autonomía» era un dos berros antifranquistas nas que logo foron nacionalidades constitucionais.
Como na transición hai quen está disposto a solucionar os problemas de convivencia pola forza. Vinte anos son moitos e corenta moitos máis, por iso asombra menos o que mudou que o que non mudou. Podería repararse, por exemplo, na incapacidade para construír unha forma plural e diferente de poder ser español, pois despois de catro décadas constátase que a única innovación procede dos agresivos cánticos paridos nos campos de fútbol.
O importante sempre é dar coa pregunta. Neste asunto preguntémonos por que é tan difícil reformar a Constitución de 1978. Unha constitución responde a un tempo e a unha correlación de forzas e ambos os dous mudaron, pero hai unha parte da dereita que entende que a Constitución, máis que un acordo, é un límite que non pode ser superado. Entende, de feito, que non poden modificarse os límites do 78 máis que nun sentido recentralizador e así o vén facendo dende hai tempo.
As nacionalidades na Constitución son cousa diferente das rexións. Por iso Manuel Fraga protestaba daquela que era chamarlles nacións con outro nome. A asimetría que hoxe se nega está xa no proceso constituínte e na letra da Constitución, con dúas vías diferentes de acceso á autonomía. A bilateralidade que hoxe din tabú estivo no proceso constitucional orixinal: en Cataluña cando Tarradellas como president no exilio acepta dende o balcón a monarquía a cambio da restauración da Generalitat. No País Vasco e Navarra a través dos dereitos históricos. En Galicia no proceso da Aldraxe. En Andalucía na incorporación á vía das nacionalidades chamadas históricas. A comedia e a traxedia só son metáforas da Historia.