Pararse a escoitar


Apolítica, que é a arte da harmonización de persoas e intereses nun determinado contexto social, fundaméntase na razón. Ou debería fundamentarse na razón. A razón é o que permite ao ser humano construir e interpretar a realidade, mesmo para transformala, cuestión tan importante como comprendela. 

A razón identifica intereses, establece lindes, marca prioridades, calcula a dimensión dos problemas. Dende a razón pactamos as regras de xogo, que en termos políticos son as regras da convivencia. Mais hai un segundo factor que condiciona a nosa vida (as nosas maneiras de entender a vida): os sentimentos.

Razón e sentimentos, ou emocións, son os dous elementos básicos sobre os que abanea o comportamento das persoas, a realidade social e, xa que logo, a realidade política.

A razón hai que avivala, afortalala, incluso aguilloala chegado o caso. Os sentimentos hai que xestionalos con tino, con moito sentidiño dirían os nosos clásicos, con intelixencia e xenerosidade, se queremos comprender a posición dos outros.

No caso que nos ocupa (e preocupa) aplicar a razón política e, complementariamente, xestionar os sentimentos é fundamental para sair do buraco no que nos atopamos.

A reflexión que propoño parece obvia, mais os acontecementos veñen demostrar que se cadra non é tan doado concretala, ou non temos capital humano para poder facelo (liderazgo político), non sei se tampouco ideas.

Durante demasiado tempo deixamos medrar o cancro dos desencontros (que non se resolve aplicando o principio da forza, nin aplicando de xeito matemático a lexislación vixente, entre outras cousas porque a lexislación vixente pode cambiarse); deixamos medrar o cancro dos desencontros, digo, e a cada día que pasa a realidade móvese coma unha bola de neve rolando montaña abaixo, cada vez mais grande e mais pesada. Outros prefiren a imaxe do suflé, que igual que sube baixa. Trabúcanse. A imaxe é a da bola de neve.

O que empezou sendo unha folerpa cativa está a piques de desatar a avalancha. Interesoume moito a entrevista que onte publicaba este xornal co músico, profesor e artista audiovisual británico David Toop. A preguntas de Xesús Fraga o entrevistado reivindica a arte de escoitar. Aparentemente fala de escoitar música, mais en realidade está a referirse a algo máis profundo: escoitar os demais, escoitar as voces dos outros, os argumento e as razóns dos outros, tamén os sentimentos dos outros, para construir a realidade, mesmo para transformala.

¿Unha inxenuidade? Temos unha tendencia grave a colocar o discurso sen escoitar aos que non están na propia parroquia, xa non digamos se os seus argumentos non cadran exactamente cos nosos.

Non sei o que vai pasar mañá, ou pasado mañá. As posición están moi encirradas. Mais en calquera caso, alguén ten que pararse a escoitar, que non significa necesariamente ceder. Simplemente escoitar.

Cada día que pasa a realidade móvese coma unha bola de neve rolando montaña abaixo, cada vez mais grande e mais pesada

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
24 votos
Comentarios

Pararse a escoitar