Xa chegou a Galicia, desde Nova York, o pergamiño Vindel para ser exposto, durante seis meses, en Vigo, o lugar que foi o escenario das vicisitudes amorosas contadas, liricamente, no século XIII, por Martín Codax, excelso e delicado poeta. Foi Pedro Vindel en 1914 quen descubriu o pergamiño que leva o seu nome e que contén as sete cantigas do noso gran poeta, todas -agás a VI- con música (esta era a gran novidade). Vindel era, en Madrid, no ano 1914, un libreiro respectado polos bibliófilos e un bibliógrafo admirado polos eruditos.
Pois ben, tan singular libreiro, poucos anos antes, era analfabeto (sic). Nacera Pedro Vindel Álvarez no ano 1865 en Olmeda de la Cuesta (Cuenca), localidade moi próxima a Vindel, topónimo do que procede, sen dúbida, o seu primeiro apelido. Os primeiros anos deste rapaz lembran capítulos das mellores novelas sociais de Dickens. Nado en berce moi humilde, foxe do fogar en 1875, ano en que queda orfo de pai e súa nai casa en terceiras nupcias cun home, de xorne moi enérxico, viúvo. O rapaz foxe daquela casa cunha chea de irmáns. Polo camiño acólleno uns xitanos que o fan cantar tangos, e dos que non tardou en librarse aínda con dez anos. Xa en Madrid vai carrexar auga, romper leña e outros mesteres mal pagos. Mozote, vive un tempo de certo esplendor cando coñece a un rapaz da rúa tan listo que sabía o sistema métrico decimal, que acababa de implantarse. El e mais o sabio compañeiro chegan a ser algo así como os xefes de certas actividades na estación do Norte. Vivían tan ben que mesmo durmían na «casa de la Abuela», unha galega de sesenta anos que, se non tiñan cartos algún día, fiáballes.
Sen saber ler, foi vendedor de periódicos aos dezaseis anos, ou sexa, en 1881, data do segundo centenario da morte de Calderón de la Barca, moi celebrado en Madrid, inzado de carteis co nome do dramaturgo e das súas principais obras. Era Pedro Vindel tan espelido e inquisitivo que algunhas letras que se repetían moito memorizábaas de tal xeito que non tardou, autodidacticamente, en aprender a ler.
Algúns anos despois, xa libreiro, xa anticuario, admírano e consúltano os homes de Letras máis eruditos. Rubén Darío dixo del que era o que máis sabía do seu oficio. Nos últimos anos da súa vida mercoulle libros moi valiosos Antonio Rey Soto, hoxe na biblioteca do mosteiro de Poio. Faleceu Pedro Vindel, en Madrid, no ano 1921.