Os disfraces de Dalí

OPINIÓN

22 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando en 1930 o pintor Salvador Dalí foi vivir a Portlligat/Cadaqués, onde mercara unha vella barraca de pescadores, acostumaba xuntarse nun bar do porto a parrafear con veciños. E todo sucedía con naturalidade ata que alguén se achegaba e lle dicía que un xornalista preguntaba por el. Daquela o pintor, moi serio, dicíalle aos seus acompañantes: «Esperade que agora teño que ir disfrazarme de Dalí». Unha actitude que non cambiou nunca ata a súa morte en 1989 e que explica moitas reaccións do pintor.

Non deixa de ser curioso que non se fale da relación de Dalí con galegos ilustres, agás se é para subliñar a súa aberta simpatía por Franco, algo que se ten por certo, aínda que grandes historiadores coma Preston, Fusi, Tussell ou Juliá seica cuestionaron esta admiración coma unha das moitas e máis provocativas boutades histriónicas do pintor.

Deixando o anterior ao gusto ou criterio do lector, o que eu quero manifestar hoxe aquí é a inxustiza de que non se fale da relación de Dalí con outros talentosos paisanos nosos que mereceron a súa estima e gozaron dela. Un foi o xornalista Eugenio Montes. Outro, Julio Camba, a quen Dalí adoitaba visitar na súa habitación do hotel Palace cando paraba en Madrid. Un testigo destes encontros foi o xornalista tamén galego Celso Collazo, quen me dixo que a actitude de Dalí era moi deferente e amistosa co hóspede fixo da habitación 383 do Palace, que é onde viviu Julio Camba ata a súa fin.

O propio Collazo atopou e entrevistou a Dalí en Nova York máis dunha vez, e dicía del: «Era formidable, impredicible e cun talento enorme para defender o seu negocio». Mais o xornalista galego que acabou tendo un maior trato co pintor foi o grande reporteiro vilalbés Antonio D. Olano, que era tamén moi estimado por Picasso. De feito, Olano escribiu libros sobre os dous e gozaba da amizade de ambos. Quizais por iso o xornalista dicía: «Non me pidades que escolla entre eles, porque é coma iso de se lle queres máis ao papá ou á mamá. Os dous eran xeniais como pintores e, tamén, como dramaturgos. Á súa maneira, nunca deixaron de quererse e admirarse. Dalí dicía: Picasso é comunista, eu tampouco». Quizais os dous sabían moito de disfraces.