Volta ao cole en bici


En setembro escríbese sobre a Diada. Hai cinco anos que este mes escribo sobre as vontades dos cataláns e como se expresan, nunha e noutras direccións. Hai un longo setembro este ano para falar de Cataluña. Tempo haberá. Mellor atender ao permanente antes de fixarse no que levará o vento, no teatro da contabilidade e a disputa de lexitimidades. Este é o mes de empezar o cole, o empezo do ano para os mestres que acreditan na súa profesión e para a cidadanía que cre na educación. Como todos os comezos de curso fanse reclamacións á escola para acrecentar o currículo, os contidos, as capacidades formativas, con tal ou cal novo asunto ou problema que non está recollido ao xeito na escola: linguas estranxeiras, novas sensibilidades sociais, educación vial ou ambiental...

A mochila do currículo escolar non pode con máis e os pícaros non dan feito co peso de tanto defensor do seu futuro. A base de contidos matamos a imaxinación e a base de programas obviamos a importancia dos feitos. Do contrario reparariamos en que sendo este ano o bus escolar a estrela do comezo de curso en Galicia, o realmente dominante na maioría das cidades é o transporte en auto privado, coas consecuencias ambientais, en produtividade e co mal exemplo que damos á rapazada derivado desa acción. Achéguense a calquera escola urbana á hora de entrar ou saír e compróbeno. Por cada cativo que vai ao cole andando, por cada nena que vaia en bici, mesmo por cada un que vaia en bus conten cantos autos mal estacionados de pais ás presas ocupan os arredores das escolas.

Recuperando aos vellos pedagogos que proclamaban a propaganda polo feito é ben de agradecer o Colecamiños que fan as policías municipais de Pontevedra e de Santiago, con máis voluntarismo que seguimento. Eles si fan algo novo e de futuro polo currículo dos raparigos. Un colega co que me comunico case telepaticamente, Carlos Gil Andrés, escribe sobre o educador Manuel Bartolomé Cossío (1857-1935) a propósito dun libro e unha exposición que o lembra. Para el a educación era algo máis ambicioso que a instrución. Quería facer das criaturas «en vez de un almacén, campos cultivables, e de cada cousa unha semente e un instrumento para o seu cultivo; evitar que o home poida doerse do tempo perdido, tendo as cousas diante sen velas, e que tantos desaparezan deste mundo sen sequera ter sospeitado que poden ser donos dunha forza inextinguible para coñecer cousas que nunca se esquecen».

Tiña o ideal de que todos os cidadáns adquiriran a cultura necesaria «para producir ben a súa vida, no pleno desenvolvemento das súas facultades». Un ideal humanista de liberdade, non de mercado. As súas ideas como director da Institución Libre de Ensinanza foron condenadas polos golpistas pouco despois da súa morte e a erradicalas aprestouse xa Pedro Sáinz Rodríguez, o seu primeiro ministro de Educación, quen en plena guerra afirmou que as súas obras eran «como un mapa onde nos sinalasen as fortificacións que temos que bombardear».

Cossío, Giner, Calvet e Parga Pondal montaban en bici.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Volta ao cole en bici