Diversidades

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

15 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecín a Lua Awel nunha cafetería de Nova York, e con ela aprendín que hai unha vida, un xeito de comunicación, que nunca tivera experimentado antes. Lua estaba no colo da súa nai Ugia, e baixo a atenta mirada do seu pai Pierrot, percorría co seu movemento continuo o universo sensorial que nos rodea e que non somos capaces de ver.

Viñan dunha terapia que é difícil de atopar no noso recanto do mundo: o mundo do neuromovemento, acuñado pola terapeuta israelí-americana Anat Baniel que seguindo a Feldenkrais desenvolveu a súa técnica ao redor do poder do movemento na plasticidade cerebral, o método ABM.

Ugia é a cantante Ugia Pedreira (Marful, Central Folque). Pero eu aínda non coñecera a Ugia a nai, a nai de Lua, unha fermosa nena con leucomalacia, microcefalia e atrofia cerebral.

Entender o esforzo económico e anímico que supuxo para eles cruzar o charco para atopar a mellor terapia para a súa filla, fixo que me cuestionase que é o que realmente significa ter un sistema sanitario para todos, igualitario, que acepta a diversidade. Lua, coma todos os nosos fillos, merece ter o mellor proceso para desenvolver a súa vida, e depender da filantropía para saír adiante desgraciadamente non é unha opción realista na nosa terra.

No seu blog Músicas de Auel, Ugia narra as experiencias de Lua, a súa relación coa música e a palabra, e cuestiónase, en primeira persoa, a situación das familias con persoas dependentes.

E é que para imaxinar unha Galicia na que todas as Luas poidan acceder á mellor das terapias, temos que comezar por entender a diversidade, incentivar a filantropía, e apoiar, sen trabas, aos dependentes.