Privilexios

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

08 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba a buscar un artigo dunha das mulleres máis interesantes da cultura do activismo nos EE. UU.: a profesora, escritora e feminista Peggy McIntosh. A busca era na rede, e para variar, intentando atopalo, enredeime nunha silva e aterrei no documental de Mary Dore She’s Beautiful When She’s Angry, unha fermosa lección sobre a historia do feminismo nos EE. UU. a través das mulleres que procuraron o cambio de perspectiva e promoveron un xiro na historia da igualdade de dereitos e a diversidade.

Despois das dúas horas de documental e unha triste reflexión sobre o pouco que cambiaron as cousas en cincuenta anos, volvín á miña intención inicial: atopar a versión orixinal do artigo publicado a finais dos oitenta White Privilege and Male Privilege, no que McIntosh falaba da invisible e inconsciente opresión dos privilexiados, e co que se converteu nunha icona do activismo por usar a idea do privilexio como o factor principal para entender a desigualdade de xénero, clase e etnia. Un incrible exercicio de introspección que deu pé a unha infinidade de proxectos dedicados a fomentar a igualdade e a diversidade na educación (The National SEED Project).

O caso é que ao ver e ler as dúas cousas no mesmo día, as heroínas protagonistas do documental que se cruzou polo camiño convertéronse de súpeto en privilexiadas, pois segundo a teoría de McIntosh, a meirande parte delas eran brancas e universitarias nos anos 50. E entón entendín a idea de que, no fondo e sen decatarnos, todos somos opresores ou privilexiados no noso contorno, e por iso actuamos de xeito errático cando non somos capaces de entender que os privilexios invisibles son incluso máis poderosos e destrutivos que os visibles.

Cristina Pato é artista e educadora.