Mike Oldfield

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

05 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por diferentes casualidades e circunstancias é certo que Mike Oldfield estivo na Coruña poucas datas antes de gravar o seu Tubular Bells II, e un dos lugares escollidos durante a súa estancia foi o Playa Club a onde chegou por medio da súa compañía discográfica, e por cortesía do meu amigo e sabio da música Nonito Pereira, que exerceu de anfitrión para unha audición de música folk galega… Vaia tela! 

A cita foi nese local unha noite de novembro, e alí fomos convocados (Luar Na Lubre) ás 21 horas para lle ofrecer un pequeno concerto sen ter moi claro que Oldfield, daquela unha gran referencia da música contemporánea, fose aparecer. E vaia se apareceu, acompañado de outras tres persoas entre as que ía o tamén músico e produtor Tom Newman. O concerto foi privado, cun repertorio de circunstancias e para un público limitado entre os que só había amigos moi directos e pouco máis. Foi emocionante, e cando xa estabamos a piques de rematar, o propio Mike achegouse ao escenario para pedir que tocásemos dous temas do noso repertorio que lembro perfectamente: A frol da auga e O son do ar. E claro!, imaxinade a miña sorpresa ao escoitar da súa boca este requerimento. O asunto explícase porque daquela a compañeira do británico era galega e tiña unha cinta cassette do noso primeiro traballo discográfico (O son do ar), que polo visto, escoitaban nas viaxes que facían. Así que, Oldfield, cando chegou á Coruña xa nos coñecía. E xa no tramo final do concerto pedímoslle que subira a tocar con nós. Sen pensalo, colleu un bodhran e acompañounos. A noite foi longa de conversas e músicas e alí se concretou o encargo dunha gaita galega e algo máis. Pouco despois editou a súa versión de O son do ar no cedé Voyager e o que foi vindo…