Educación infantil

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

04 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En poucos días entrarán na escola, por primeira vez, moitos meniños de tres anos, que inician ou continúan unha das etapas máis importantes da súa formación: a educación infantil. Os primeiros días adoitan ser difíciles, pois os pasan dun ambiente familiar, seguro e coñecido, a outro estraño. As reaccións diante de tantos compañeiros, de adultos moi distintos aos seus seres queridos e de espazos abafantes, poden ser choros e perrenchas, agresividade e mesmo a perda do control de esfínteres. Para que esta situación se vaia normalizando pouco a pouco, hai establecido un período de adaptación progresiva, que pode durar ata o mes de outubro, no que os alumnos incorpóranse de xeito gradual á aula. Ao final dese tempo deben ter asumida a separación do fogar no horario escolar e adquirido o suficiente grao de autonomía e socialización para manterse tranquilos.

Esta etapa, que vai durar tres cursos, é moi importante para a adecuada maduración da persoa e para o futuro éxito académico, sobre todo cando na familia non se dan as circunstancias socioculturais idóneas. Coa atención temperá nestas idades, lévase a cabo unha decisiva educación compensatoria, que contribúe ao feito de que o noso país teña un dos sistemas educativos máis equitativos, como constatou o último Informe PISA. Ademais España, á que mesmo supera Galicia, está entre os países desenvolvidos con maiores taxas de escolarización en educación infantil.

A educación preescolar, que é como se chamou inicialmente esta etapa, foi a primeira especialidade do Maxisterio, con concurso de traslados propio, creada hai máis de catro décadas. Pola súa proximidade á familia, demandou sempre dotacións materiais e humanas de gran calidade. Os docentes precisan de formación e características persoais excelentes, pois non é doado dirixir unha clase de ata 25 alumnos, na que hai que manter unha constante actividade lúdica, representar o papel dos pais e, ao mesmo tempo, sentar as bases sólidas da aprendizaxe. É un difícil equilibrio entre a imprescindible orde e a espontaneidade e inquietude propia destas idades.

A educación infantil é a etapa na que as familias están máis implicadas no centro docente, ao que asisten con frecuencia, sobre todo para falar co titor dos seus fillos. A coordinación entre pais e mestres é decisiva para o éxito escolar do alumno e, aínda que son normais as diferenzas, debe haber coincidencia en valores esenciais que fomenten nel hábitos de responsabilidade e de traballo intelectual. Mágoa que a proximidade da familia ao centro educativo vaia a menos segundo avanza a escolarización. A adolescencia, por exemplo, é tamén unha etapa crítica que precisa do apoio mutuo entre profesores e pais, pero estes só se preocupan xa das cualificacións dos fillos. Se aproban, os problemas persoais e as educacións emocional e en valores, teñen pouca importancia.