¿Para que serve a filosofía?


Presidente da Real Academia Galega

Así se titulaba a primeira lección do texto de bacharelato na miña infancia: ¿Para que serve a filosofía? E a conclusión final parecíanos tan simple, tan aparentemente elemental, que mesmo nos defraudaba: para pensar. A filosofía serve para deprender a pensar, para deprender a mecánica e as artes do pensamento. ¿E en que consiste exactamente pensar? ¿A que chamamos pensamento? Aquí empezaban as complexidades, que o profesor ou profesora intentaba debullar (eran os primeiros anos sesenta do século pasado) e non sempre o conseguía. Na historia da filosofía nunca pasabamos de Kant (igual que en Historia nunca pasábamos da guerra contra os franceses). Na clase do lado andaban coa Formación de Espírito Nacional, tamén chamada Política, que era o adoutrinamento que impoñía nas aulas o réxime. E na outra clase, a Relixión: Historia Sagrada e Moral. En casa, a miña tía Loliña dicía: «Vós facédelle caso ás matemáticas. O importante son as matemáticas».

Sempre me chocou esta paixón dos nosos pais polas Matemáticas, criados eles nos anos da fame. En realidade o que querían era que soubésemos sumar e multiplicar, moito máis ca restar e dividir. O modelo que se impoñía era o modelo do crecemento: as persoas mídense polo que teñen, non polo que valen (cuestión bastante máis complexa), e o segredo está en sumar, nunca restar. E en levarse ben co que manda, suma e multiplica. Sen facer preguntas.

A Filosofía era outra cousa. Algunha vez comentei nos seminarios de bacharelato que é bastante máis doado explicar o teorema de Tales ou a mecánica da raíz cadrada que as orixes, razóns e consecuencias da Revolución francesa, por exemplo. Resulta bastante máis doado afondar na mecánica dos algoritmos que nos mecanismos profundos da condición humana. E aquí entra a Filosofía. E as Humanidades en xeral, incluída a Historia e a Literatura, cada vez máis marxinadas ou ninguneadas no sistema educativo.

Logo apareceron os novos profesores de Filosofía. Algúns deles tiveron ocasión de aproveitalos os meus fillos. Na adolescencia do ser humano, nesa idade difícil e marabillosa onde a persoa comeza a formular as grandes preguntas que explican a súa existencia e a existencia do contexto social que habita, a materia de Filosofía no bacharelato é a Gran Luz da Revelación (escrito así, con maiúsculas): a descuberta dos recursos deses seres humanos para utilizar o raciocinio, para explicar o mundo e explicarse a si mesmos sen orelleiras, sen medos, sen prexuízos, dende a razón (non dende a superstición) e dende a liberdade. Iso é o que demandan as 8.200 sinaturas que reclaman do Parlamento de Galicia o afortalemento da materia nos currículos de Ensino Medio; demanda á que me incorporo e que fago extensiva ao conxunto das Humanidades. O mundo non se explica cunha táboa de sumar. Nin cun Twitter.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
32 votos
Comentarios

¿Para que serve a filosofía?