Bimbó

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Os gustos musicais do Juan Ramón son estraños. Tan pronto escoita unha sonata de Bach como a última dos Estopa. Todo excepto reguetón: «¡Hasta ahí podíamos llegar!». El pertence a outra xeración, a de discoteca Nitons, onde eu exercín durante anos de disc-jockey profesional. Qué tempos, dime o Juan Ramón pleno de nostalxia. Estabamos nese trance o outro día no bar do Luís cando o Valentín dixo: «Carano, ese que vén por aí parece Georgie Dann». O Mariló, que é o de mellor ollo da cuadrilla, afirmou: «Non parece, é Georgie». Como un resorte, o Juan Ramón xirou a cabeza e, de súpeto, levantouse. Achegouse a un dos seus ídolos, como me confesou a min en numerosas ocasións. Resulta que cando eu discuto co Cañaveral de política e marcho para casa coa cabeza baixa, o Juan Ramón sempre me fai a mesma chanza: ponse a cantar. Pero non unha canción calquera. El, movendo malamente o seu xeonllo lesionado e operado, o seu nocello escangallado e operado, os seus cadrís cargados de anos e camiños (e aínda sen operar), dime: «Neno, bailemos el bimbó, bimbó, que está causando sensación». E a min pásame de contado o mal humor. Por iso ningún da cuadrilla puido crer que Georgie Dann, o do Bimbó, pasease por Verín aquela tarde de agosto. Nin moito menos que o Juan Ramón quixese darlle un abrazo, cousa que o cantante rexeitou. Moi educado, o Juanillo preguntou: «¿Puedo hacerme una foto con usted?». Xa estaba o Valentín preparado para executar a foto cando o artista contestou, secamente: «No». E seguiu camiñando. O Juan Ramón quedou entristecido. Nin as ocorrencias do Mariló conseguían consolalo. Un viño, outro. E nin unha palabra. Cando marchamos para casa, díxome: «Neno, non volvo bailar bimbó».