Conta a Biblia dunha pedra na que Xacob apoiou a súa cabeza e sobre a que durmiu e soñou. Tamén da súa importancia e poder. Esa pedra alcumada do destino estivo en poder dos fillos de Israel ata o acontecemento das augas do mar Vermello nas que pasou a mans de Goidel Glas (príncipe grego exiliado en Exipto). El, xunto coa súa muller, Scotta (filla do faraón), percorreron o norte de África, entraron na península ibérica e finalizaron o camiño en Galicia, onde fundaron a cidade de Brigantia. A pedra coroou os reis brigantinos ata a descuberta de Irlanda, onde foi levada por Simón Brec, e colocada no outeiro sagrado de Tara onde se rebautizou como «Lia Fail» (a pedra que fala). De alí pasou ao lugar máis emblemático da igrexa céltica daquel tempo, a illa escocesa de Iona, onde permaneceu ata a coroación do seu primeiro rei, Cináed mac Ailpin, quen a trasladou ao mosteiro de Scone, topónimo co cal a pedra aínda é coñecida (Pedra de Scone). Neste lugar seguiron coroándose os reis escoceses ata que Eduardo I de Inglaterra venceu a Xan I de Escocia na batalla de Dunbar e integrou o reino escocés en Inglaterra ,levando a destinada pedra para a abadía de Westminster, onde dende entón todas as coroacións da monarquía británica son feitas sobre ela. Con todo, en ningún momento deixou de ser unha reivindicación histórica dos pobos de Escocia e Irlanda. Despois de moitas peripecias e anécdotas, o último capítulo tivo lugar no ano 1996 cando o Goberno británico devolveu o tan prezado símbolo nacional escocés, e hoxe pode verse no castelo de Edimburgo, mais, por condición, terá que volver a Londres para a coroación do sucesor de Isabel II, mentres Escocia non decida o contrario.