A ambulancia


En Verín non sufrimos turismofobia pero o turismo, segundo Julito do Salgueiro, non é o que era. Asegura que dende que comezou o verán deixaron na vila perto de dous millóns de euros. Tamén afirma que os pensionistas retiraron máis desa cantidade nos bancos da vila. Coincidencia curiosa. Ten todo calculado. Incluso sabe que en Verín xa se incineran o 35 % dos mortos e que cada verinés consome, aproximadamente, 100 litros de viño branco por ano e 150 de tinto. Eu digo que esaxera. El dirixe a mirada cara a un bar. Fala: «Se en media hora toma un individuo dous vasos de viño, só tes que facer números». Non discuto. «Hai cadáveres que son combustible perigoso». Míroo sorprendido. Engade: «Polo alcohol, poeta, que non te enteras». En ocasións está detido no cruce e cóntame que pasaron polo Stop 30 coches vermellos, 32 brancos, 4 amarelos, e así ata que acaba coa escala cromática. Calquera rareza podes esperar do Julito. Onte falounos do tigre de Tasmania. Asegura que no Salgueiro hai un can que parece desa especie. Ochoa négao: «Es un animal del Holoceno, Julio, no puede ser cierto». E así van pasando os días deste agosto que é como todos os agostos. A nós cóllenos máis vellos. Pero co mesmo afán que cando tiñamos vinte anos. Daquela o turismo parecíanos distinto. Sempre había uns ollos nos que iluminarse. Agora, nin saímos de noite. Para que. A última madrugada estaba unha ambulancia na porta dun pub. Metían dentro unha camilla cun lesionado. Achegouse un turista ao sanitario e díxolle: «¿Puedes dejarme en casa de mi abuela? Te pilla de paso». O conductor mirouno estrañado. «Es que vive muy cerca del hospital», engadiu o mozo. O turismo xa non é o que era, afirma Julio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
29 votos
Comentarios

A ambulancia