Velutinas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

22 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Téñoas todos os días batendo contra os cristais das miñas fiestras, como querendo entrar na casa. Son dun tamaño considerable e desacouga saber que a súa picada é moi dolorosa; ao tempo inqueda pensar que viñeron para quedarse e desaxustar o noso delicado e xa alterado ecosistema. Din que chegaron a Europa dende China nun transporte marítimo, a súa primeira descrición é do ano 2004 no porto de Burdeos (Francia); de aí fóronse estendendo con rapidez e parece que non veñen amizosamente; así, despois de ter ocupado boa parte de Francia entraron na península a través de Euskadi. A súa presenza en Galicia é notable, converténdose nun problema moi serio, sobre todo para os apicultores que día a día argallan calquera tipo de trebellos para que as súas agresións nas colmeas teñan un impacto menor. Apenas se ven abellas en comparación de como se vían antes da chegada da velutina e sobra falar da súa importancia para o correcto equilibrio e saúde do planeta. Tanto avespas como bolboretas, formigas e principalmente abellas son comida para estes voraces insectos que campan ás súas anchas. O feito de vivir no medio rural fíxome máis sensible a este tipo de problemas que dende a cidade eran moi lonxanos ou nin sequera o parecían. Agora convivo entre eles e procuro entender o que significan, e non son cousa menor. Estamos incidindo de tal maneira no planeta coa súa correspondente resposta que no día a día as alteracións son máis que evidentes e graves, así as secas, as xeadas fora de tempo, as choivas torrenciais, o calor no inverno e o frío no verán, xunto coa chegada de este tipo de invasores anuncian tempos inquedantes, mais non é a fin do mundo nin moito menos. Só a atención debida pode ser un bo paliativo, como en case todo.