Barcelona

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

20 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo sacudido polas imaxes dos mortos e dos feridos, da mesma maneira que hai pouco nos conmocionaban as vítimas en París, Londres, Mánchester, Bruxelas, Niza, Estocolmo, Berlín… Nos dous últimos anos as accións destas características non pararon de medrar, malia os esforzos dos sistemas de seguridade, que invisten cada vez máis recursos en medidas de prevención. Somos vulnerables. O risco cero non existe.

Escribo intentando non deixarme levar polo espectáculo. Porque outra das características do tempo que nos toca vivir (tamén nestas cuestións) é a tendencia a convertelo todo nun gran produto de consumo mediático, tanto ten que sexa unha catástrofe natural, unha traxedia como a que comentamos, unha competición deportiva ou o concerto do artista ou a artista pop do momento. Espectáculo a poder ser con anuncios polo medio, como aquela primeira retransmisión da Guerra do Golfo pola CNN en 1991, con faladoiro de expertos e a condutora do programa pedindo tempo para as insercións publicitarias mentres os mísiles voaban sobre o ceo nocturno de Bagdad.

Son os tempos. E temos que saber xestionar os tempos. O terrorismo ben o sabe. Por iso actúa como actúa: calculando os custos das súas accións e a repercusión mediática das mesmas (impactos publicitarios), como quen establece unha liña de investimentos para obter resultados. E por iso cidades simbólicas como Santiago de Compostela, por poñer un caso, na lóxica delirante desta xente, non é unha anécdota, senón un obxectivo potencial e posible.

Escribo intentando atopar unha explicación, que non é simple, e que no pode ser visceral (instintiva). Non se trata de xustificar nada, mais tampouco ficar na superficie emocional dos sucesos. O chamado Estado Islámico, malia o acoso internacional, segue incorporando efectivos. Os membros das células de Barcelona andaban arredor dos 20 anos. Os desprazamentos de xente nova radicalizada dende o Magreb a Siria, por exemplo, continúa. Unha parte importante dos autores de atentados naceron ou foron criados (educados) en Europa… Son puntos para a reflexión. Detrás de cada conflito, incluso nos conflitos persoais, hai sempre razóns de fondo que cómpre saber identificar. Ás veces se solucionan, outras veces necesitan tempo. Pero a intelixencia obríganos a detectalas. O mundo contemporáneo (que carece de foros internacionais para a reflexión e a planificación estratéxica) está instalado, case que diría que fundamentado, nun inmenso mapa de desigualdades, abusos, escravitude e cobiza que opera ao servizo do benestar duns poucos a costa de masas inmensas de marxinalidade (países, continentes enteiros). A ferida vén supurando dende hai tempo, e o fanatismo (relixioso e ideolóxico) convértese na espita liberadora de frustracións e resentimentos que non naceron espontaneamente, que están decote na televisión, aínda que apenas reparemos neles, e que tamén son Barcelona.