Mestra música

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

18 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aempatía é algo difícil de ensinar; aprender a identificarse cos sentimentos do outro require esforzo e intención, e sobre todo require ser capaz de escoitar con todos os sentidos para poder percibir as emocións que son imposibles de ser contadas.

E é aí onde a música xoga un papel fundamental, pois axúdanos a facer sentir as emocións doutros, e se a iso lle sumamos a memoria cultural que de seu levan as obras musicais, entón entramos no incrible universo de sensacións que fai que a música forme parte da nosa existencia como especie. A música é parte da celebración da vida, achega paixón e creatividade e conta a historia dun pobo: como vive, como se relaciona e cales son as historias que o fan ser como é.

Segundo Yo-Yo Ma, o mentor que me abriu as portas ao redeseño da educación a través das artes na Universidade de Harvard, as catro calidades necesarias para sobrevivir no mundo laboral son a colaboración, a flexibilidade, a imaxinación e a innovación. A súa dúbida é que, se o noso sistema educativo está deseñado para adquirir coñecemento e pensamento crítico, que estamos a facer para que os estudantes desenvolvan esas catro calidades tan necesarias para a vida?