Fondo e forma

Manuel Lago
Manuel Lago EL DEBATE

OPINIÓN

13 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que separar o grao da palla: un erro na redacción do acordo entre o Concello de Ponteareas e o comité está sendo utilizado para atacar aos empregados públicos na estratexia neoliberal de poñer en cuestión o papel do sector público. Úsase a demagoxia e a desinformación para deteriorar a imaxe do público e mesmo para intentar confrontar a cidadanía cos empregados públicos. Un debate real sobre o tema ten que ter en conta, polo menos, as seguintes cuestións. Primeiro, os empregados públicos, igual que os do sector privado, xa sofren penalizacións se non van a traballar. Se a ausencia é inxustificada, con sancións proporcionais á gravidade da falta que poden chegar ao despido. Se a ausencia é por estar de baixa por enfermidade, sofren unha forte redución do seu salario: nos tres primeiros días de baixa médica o seu salario pódese reducir a cero, e se a situación se prolonga ata vinte días perden o 40 %. Segundo, o denominado plus de asistencia ao traballo, que non existe no sector público, é habitual, e mesmo xeneralizado, no sector privado. Un plus con fórmulas diversas pero que en esencia supón que o traballador cobra unha cantidade de diñeiro se non falta ao traballo en todo o mes, incluso por causa xustificada, como unha baixa médica por enfermidade. Por exemplo, o convenio do metal ou da construción da Coruña, que son os mais importantes, teñen esta cláusula dende hai décadas sen que se teña producido ningún escándalo. Por último, pero o mais importante, é que o acordo de Ponteareas non é un plus de asistencia, senón unha forma de distribuír entre o cadro de persoal do Concello algo que xa existe: a denominada produtividade. A representación legal dos traballadores do Concello de Ponteareas denuncian que o alcalde anterior, do Partido Popular, repartía esta cantidade de xeito arbitrario e que o acordo é para definir criterios obxectivos para o seu reparto.

Posiblemente o xa famoso apartado 5.A necesita unha mellor redacción, pero é inaceptable que un acordo que busca dar transparencia e obxectividade na xestión laboral para acabar co caciquismo e o amiguisimo se demonice por un erro de redacción. Esa debería ser a resposta intelixente, corrixir a forma do acordo para combater a campaña de desprestixio ao tempo que se explica o verdadeiro sentido do mesmo e da situación caciquil coa que se quere rematar. En todo caso, este inusitado interese mediático por unha cláusula do convenio dos empregados públicos dun pequeno concello debería servir para analizar en profundidade o que está sucedendo dende o 2010 cos salarios dos empregados públicos no conxunto do Estado. Dende que se empezou a aplicar a política de austeridade compulsiva se ten producido un grave deterioro das condiciones laborais e dos salarios. A redución dos soldos no 2010 e a conxelación posterior provocou unha perda do poder adquisitivo do 20 % dos empregados públicos. Como ademais neste tempo agravouse a precariedade con externalizacións e subcontratas, hai -así o denuncian por exemplo os sindicatos en Ponteareas- persoas traballando para o Concello con salarios de pouco mais de 700 euros, o que sitúa a estas persoas próximas á denominada pobreza laboral.