En ocasións, a nai de Luís, que emigrara a Londres, aproveitaba algunha das miñas viaxes ao Reino Unido para mandarlle unhas ameixas. Pouco antes do embarque chegaba a Lavacolla cunha bolsa térmica chea de ameixas vivas envoltas nunha verdura e xeo picado, que Luís recollía en man en Heathrow unha vez eu superaba a alfándega. Por entón estaba prohibida e especialmente sancionada a entrada de plantas e animais na illa. E por iso aínda é hoxe o día que, cada vez que camiño por diante dos espellos dos aeroportos tras os que a policía vixía aos transeúntes, lembro a tensión que me provocaba a posición de transportista ocasional pero ilegal de ameixas vivas.
Eran finais dos setenta do século pasado, e o Reino Unido da Gran Bretaña xa ingresara nunha Comunidade Europea na que España aínda arelaba entrar. Fíxoo no 1986, fomentando o incremento das relacións entre os dous países. Como lembraba o rei Felipe no seu discurso desta semana en Westminster, 30 anos despois, o comercio bilateral angloespañol anda no entorno dos 30.000 millóns de euros ao ano; España foi o país que máis investiu no Reino Unido no 2016 (máis de 80.000 millóns de euros); e o Reino Unido o segundo que máis investiu en España (ao redor do 12 % do total dos investimentos estranxeiros). E como non podía ser doutra maneira, boa parte deses fluxos económicos son galegos. Se falamos do movemento de capitais, basta lembrar que uns 130 barcos de capital galego, a inmensa maioría deles con bandeira británica, faenan en augas británicas, desde o Gran Sol ás Malvinas.
E se falamos da libre circulación de bens, abonda recordar que no 2016 o Reino Unido importou case o 8 % das vendas galegas no exterior, por un valor lixeiramente inferior aos 1.600 millóns de euros: un 60 % máis do que exportamos a toda América Latina ou a toda Asia. O albariño é posto como exemplo de viño de calidade nos xornais británicos, convertendo ese destino no comprador do 80 % das exportacións da denominación de orixe Rías Baixas; por non mencionar as cuantitativamente máis relevantes vendas de Citroën, Inditex ou as conserveiras galegas. E como só importamos do Reino Unido por valor de 270 millóns de euros, o saldo (exportacións menos importacións) é favorable para Galicia nuns 1.300 millóns de euros. De aí que as consecuencias dun brexit duro poidan ser moi negativas para nós, ao igual que para o conxunto de España. O que por si mesmo xustifica que o Grupo Popular impulsase no Parlamento de Galicia e a Xunta xa estea a desenvolver unha análise profunda das consecuencias que os distintos escenarios do brexit poden ocasionar na nosa economía.
Porén, e sendo importantes as incertas consecuencias económicas nos movementos de capitais e mercancías entre Galicia e o Reino Unido, resultan máis preocupantes as consecuencias en relación co terceiro piar existencial da Unión Europea: a libre circulación de persoas. Os milleiros de galegos e galegas que, como consecuencia da supresión das aduanas, estreitaron os lazos que xuntan familias de países que xa compartían, desde hai séculos, topónimos celtas como os que nomean aos ríos Támesis e Tambre. As cifras apuntan a 300.000 españois residentes no Reino Unido entre estudantes e traballadores; aínda que só uns 130.000 están rexistrados oficialmente. Unha boa porción deles galegos, aos que habería que engadir os numerosos cidadáns británicos que teñen orixes galegas. Confiemos en que ningún deles, como facía o meu xa falecido e lembrado amigo Luís, teña que volver a forzar o tráfico ilegal de ameixas vivas para aliviar, momentaneamente e co sabor das rías, a súa morriña.