Emilio do Pando

OPINIÓN

Nunha viaxe realizada, aló polo 87, coa idea de gravar músicas tradicionais en lugares coñecidos como os «lindeiros da galeguidade» (terras do Bierzo, Occidente de Zamora ou Occidente de Asturias) e despois dun longo percorrido fomos caer na Fonsagrada. Lembro que era Semana Santa e alí coñecemos a Emilio do Pando, home de aspecto tranquilo, bo conversador, amable, e polo que parecía, gran coñecedor da música feita no concello e na súa contorna. Sabía perfectamente a que portas chamar porque fora carteiro durante moitos anos, despois de ter sido xastre. Destes oficios e do de gaiteiro víñalle o contacto directo coa xente e a súa sorprendente capacidade de relación. Pando era un home sabio cun saber popular herdado e macerado co paso dos anos, ao tempo que tamén un bo e xeneroso, facéndonos partícipes dun tesouro moitas veces agochado e silencioso que é a transmisión oral, á cal, un home como el tiña tanto que aportar…. Descubriunos un pequeno instrumento que aínda vive e sona con forza por aquelas terras chamado «trompa galega» ou birimbau e sorprendeunos o ben que o interpretaba. Falounos de Herminio da Fonfría, Ramón da chiculateira, Xusto de Pacios, Sergio da Veiga de Logares, Emilio Fernández e moitos outros que tempo despois fomos coñecendo e que por desgraza xa non están entre nós…. Foi nesta terra marabillosa onde vin os mellores solistas de gaita, onde me sentín e me sinto como na propia casa e onde grazas á figura de Pando, principalmente, souben da dimensión e transcendencia que ten a transmisión oral nunha cultura tan rica e viva como a nosa. Hai poucos días Pando tamén deixou o mundo dos vivos, mais quedounos o seu legado, un legado que nos toca difundir agora a nós na súa memoria.